Vigo queda fóra (outra vez) do “mellor da cultura” de 2021
Suspenso en cultura. Ou iso di a Fundación Contemporánea, que vén de presentar o seu Observatorio da Cultura, formado polos resultados dunha consulta realizada a varios centos de expertos neste eido para determinar o mellor ao longo do ano 2021 a nivel estatal e en cada unha das comunidades autónomas. No caso de Galicia, Vigo volve quedar fóra nunha selección de 16 propostas culturais que inclúen festivais, institucións, espazos ou agrupacions musicais. Podedes consultar aquí o informe.
Os expertos en materia cultural (músicos, actores, directores, escritores, produtores, programadores, xornalistas, editores, galeristas…) encargados de elaborar o Observatorio da Cultura 2021, unha proposta da Fundación Contemporánea, non semellan ter en alta estima o labor cultural de Vigo. Desde 2017, cando o Museo Marco ocupou a sétima posición na listaxe galega, a cidade olívica non volta aparecer por ningures. E non será por non intentalo: Primavera do Cine, Festival de Cine Inclusivo, Galician Freaky Film Festival, Multicines Norte, TerraCeo, Vigocultura, Teatro Ensalle, Sala Ártika, The Wild Fest, Festival Underfest, Orquestra Clásica, Orquestra Vigo 430, Máis que Blues, Cineclube Lumière, Teatro Afundación, Auditorio Mar de Vigo, Vigo en Festas, etc. son algunhas das propostas culturais que se desenvolven na nosa urbe.
Os representantes máis achegados aos nosos lares son o Festival Sinsal que, aínda que a promotora é viguesa, o evento se celebrou na illa de San Simón (Redondela) do 23 ao 25 de xullo, ocupando a sexta posición; e o Festival de Cans, celebrado nesta vila porriñesa do 1 ao 4 de setembro e que se sitúa en cuarto lugar. No podio atopamos o Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, a Cidade da Cultura e o Festival Cineuropa, ambos de Santiago de Compostela. Esta cidade álzase como a gran vencedora do informe con ata sete propostas. Outras grandes cidades, como A Coruña, Ourense ou Pontevedra tamén teñen representación. Galicia sitúase en oitava posición, unha máis que o pasado ano, nunha lista encabezada por Madrid, País Vasco e Cataluña. O panel valorou a calidade e innovación da oferta cultural das comunidades, en base á súa programación en 2021.
Malia que calquera tipo de listaxe non deixa de ser subxectiva e rexida por cuestións do máis variadas (e, en ocasións, azarosas), parece que a escena cultural viguesa non ten a presenza que debería no resto do país. Xa sexa por falta de investimento público, de calidade ou de interese nos medios de comunicación e no público, Vigo non acaba por demostrar todo o potencial que atesora a nivel artístico.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024