Vigo queda fóra, un ano máis, do mellor da cultura de 2023
Como vén sendo habitual, Vigo queda fóra do Mellor da Cultura segundo o informe do Observatorio de la Cultura, unha iniciativa das asociacións La Fábrica e Fundación Contemporánea. Si que recoñen o labor de festivais dos arredores como o Sinsal ou Cans. Podes consultar aquí o informe completo.

Fundación Contemporánea presenta o seu informe anual sobre o mellor da nosa cultura en 2023 segundo os seus profesionais. O Observatorio da Cultura elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das nosas cidades e comunidades, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano ou á evolución anual dos orzamentos das organizacións do sector.
Nesta nova edición do Observatorio de la Cultura o cuestionario foi contestado, durante os meses de novembro e decembro de 2023, por 414 membros do panel, dos que un 46,5% traballan nunha organización cultural pública, un 36,1% nunha organización cultural privada e o 17,4% restante como profesionais independentes do sector.

A Cidade da Cultura de Santiago é primeira este ano, seguida polo Festival Sinsal, CGAC, Teatro Rosalía de Castro (sobe 8 postos), FIOT de Carballo, Cineuropa e o Museo de Belas Artes da Coruña, novo na clasificación xunto a O Son do Camiño, Numax e a película O Corno, de Jaione Camborda. A Cidade da Cultura, o CGAC e a Fundación MOP (Steven Meisel, Helmut Newton), representan a Galicia na clasificación nacional, situándose en sexta posición.
No 2022 o Museo Marco, grazas á súa exposición sobre Francisco Leiro, alzouse na oitava posición neste mesmo informe. Sen contar este feito, Vigo non volve aparecer nesta compilación ata o ano 2017, co Marco de novo. Na clasificación de cidades de toda España, Vigo aparece en 26ª posición, mentres que A Coruña ocupa o posto 11 e Santiago o 14.

Destes resultados podemos sacar a conclusión, enganosa, de que a cultura viguesa está a un nivel moi baixo, en especial se a comparamos coa de cidades como Santiago ou A Coruña. Quizais a nivel público sexa certo, pero a nivel privado ou semiprivado estanse a levar a cabo iniciativas do máis interesantes, como o festival Underfest, o Galician Freaky Film Festival, o Pequeártiko, os Multicines Norte, o Festival Creativa, os ciclos Máis que Blues e Musicav ou o TerraCeo, por citar só algúns exemplos. Mesmo fóra de Galicia, pero organizado por galegos e cun cartel 100% en galego, o Festival EmigraSon de Bruxelas foi un dos grandes fitos culturais do 2023.
Sen desmerecer as propostas escollidas, toda elas de gran calidade e sobrada experiencia, o certo é que ano tras ano moitas delas repítense neste mesmo Observatorio, o cal tamén demostra certa autocompracencia dos membros do panel á hora de votar e unha clara predilección polos eventos culturais das cidades do norte.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas - 14 Febreiro, 2025
- Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia - 4 Febreiro, 2025
- Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal - 30 Xaneiro, 2025
- Domingo Villar xa forma parte do museo escultórico da Alameda - 29 Xaneiro, 2025
- Tina Estarli, acróbata do Cirque du Soleil: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show” - 22 Xaneiro, 2025