VIALIA
bannerPicnicSesions

Morat volve a Vigo con todo vendido, outra vez

Vigo e Castrelos continúan co seu idilio latinoamericano co concerto de Morat, este martes 31 de xullo ás 23:00. Coas entradas xa esgotadas, a banda colombiana fará un repaso aos éxitos da súa breve pero intensa carreira nun Auditorio cheo e con ganas de gozar do seu animado folk-pop. 

Tres anos de carreira e menos de 30 cancións publicadas son suficientes para encher o Auditorio máis importante de Vigo. E non é sinxelo, tendo en conta que en xullo do ano pasado Morat actuou no outro gran auditorio da cidade, o Mar de Vigo, conseguindo enchelo tamén.

Este ascenso meteórico e actual éxito débense principalmente a unha aposta por un son moi persoal e diferenciado por parte da novísima banda colombiana. Os seus pegadizos estribillos, cánticos coreables e as súas peculiares letras sobre desamores varios xa son marca rexistrada polo grupo bogotano.

REVISTA ABRIL

O seu primeiro éxito foi Mi nuevo vicio, no ano 2015 e coa colaboración de Paulina Rubio, pero o tema que realmente os catapultou á fama no noso país foi Como te atreves, a finais do mesmo ano. Xa con estas dúas cancións quedaba claro o seu estilo folk-pop acústico, e coa chamativa incorporación dun banjo, un leitmotiv en moitas das súas composicións.

Ademais do seu único disco, Sobre el amor y sus efectos secundarios, Morat conta con un EP acústico do 2015, Grabado en madera, e algúns singles máis como Yo contigo, tú conmigo (con Álvaro Soler, banda sonora do filme dos Minions), Besos en guerra (con Juanes), Para que nadie se entere, Antes de los veinte, La correcta (con Nabález), Cuando nadie ve e Punto y aparte.

Seguro que estas e unhas cantas máis soarán este martes ás 23:00 no Auditorio de Castrelos, que recibe así o seu quinto concerto deste verán, tras os de Little Steven, Maná, Dorian e Zoé e a Coral Casablanca. Castrelos cantará e bailará para despedir da mellor forma posible o mes de xullo e comezar un ilusionante agosto.