REVISTA ABRIL

Artistas locais opinan sobre o ciclo de concertos deste verán

A pasada fin de semana soaban os últimos acordes do festival de bandas locais, que tivo lugar desde mediados de agosto ata o domingo, 13 de setembro. Este suceso era algo que xa se viña pedindo desde moitos sectores hai tempo, e foi a situación de crise sanitaria a que por fin o fixo realidade. Como pensamos que o debate e o pensamento crítico son os que fan mellorar as cousas, preguntámoslles a súa opinión a catro dos protagonistas destes concertos: Eladio Santos (Eladio y los Seres Queridos), Oscar Avendaño (The Bo Derek’s), Wöyza e Toño López (The Soul Jacket, BlackStereo). (Foto principal: Jorge Santomé)

O pasado martes, Abel Caballero fixo o seu particular balance desta edición de Vigo en Festas: 272 concertos e 143 grupos en 30 lugares diferentes da cidade. “Unhas festas certamente excepcionais”, resumiu o Alcalde. Unhas declaracións algo concisas, xa que este ano realizouse por vez primera un ciclo de concertos de bandas locais que podía dar para unha análise un pouco máis concienciuda con miras a mellorar de cara a anos vindeiros.

Todos os artistas mencionados con anterioridade destacaron a gran nova que supón este festival de música viguesa, pero tamén recoñecen que non era máis que un plan B para capear o temporal da covid. “Estaría fenomenal que non tivera que vir unha pandemia mundial para que programen bandas locais. Só se acordan de nós cando non hai máis remedio, é unha mostra de desprezo”, sintetiza Oscar Avendaño. Por outro lado, destacou o bo facer das promotoras e produtoras viguesas, demostrando a gran industria musical que existe na cidade.

Wöyza coindice nesta visión, no forte vínculo creado entre artistas, programadores e técnicos, e engade que “en Vigo os artistas locais sempre foron menosprezados. É moi importante sentirte arroupado na túa cidade, e creo que estes concertos salvaron as Festas do verán, a nós e á xente”. “Estaban programados para comezar a principios de xullo e empezaron a mediados de agosto, ese foi o principal erro sen dúbida”, sinala Eladio Santos, ao que tamén lle gustaría que houbese máis concertos: “en Vigo hai moitísimas bandas”.

Toño López, que fixo doblete con The Soul Jacket e BlackStereo, opina que faltaron esforzos na promoción: “A xente ten que saber que existen os concertos e coñecer algo das bandas con antelación. A iniciativa chega tarde, pero se vén para quedarse, benvida sexa”. Segundo Avendaño “isto cheira mal, non lles interesa o máis mínimo coidar este produto, que por outra parte podería ser exportable, como cando se inventaron La Movida nos oitenta“. A falta de publicidade é algo no que están todos de acordo, pero existen outros factores que fixeron que nalgúns dos concertos a afluencia de público non fose a esperada: a incomodidade, a climatoloxía, o medo ou o escaso interese do público.

Sobre o primeiro caso, resulta evidente que músicas como as que ofrecen The Bo Derek’s ou Wöyza están pensadas para desfrutar de pé, e isto pode botar para atrás a moitos posibles asistentes. O feito de nin sequera poder sentar xunto á persoa coa que vés é unha das trabas. “Unha boa solución sería facer uns círculos no chan para que a xente poida estar de pé e mantendo as distancias, porque as cadeiras son terribles e a xente sofre alí tres horas”, comenta Wöyza, cuxo concerto en Coia si que tivo unha gran acollida a pesar diso. “As normas foron excesivas, pero quizais necesarias para demostrar que este tipo de eventos poden facerse con total seguridade”, engade o líder dos Bo Derek’s. En canto ao clima, a pesar de que a chuvia deu tregua en todas as xornadas, houbo días de moito frío, como no caso de Navia ou Candeán. Isto provocou que unha parte do público decidise marchar cando xa non se aguantaba máis alí sentado.

REVISTA ABRIL

O terceiro tema resulta moi relevante, xa que desde medios de comunicación e organismos (o mesmo Ministerio de Sanidade) estase a realizar unha campaña de acoso e derribo á cultura, que está a conseguir atemorizar á cidadanía. Coas salas de concertos pechadas e moitos festivais cancelados, parece que a táctica está dando os seus froitos. A realidade é que este tipo de eventos, tal e como están plantexados actualmente, son moitísimo máis seguros que outras actividades das que non prescindimos con tanta facilidade. Segundo a perspectiva de Eladio, “había medo a que a xente se xuntase fóra do recinto, polo que os fixeron en sitios algo desolados e non lles deron moita publicidade“. No caso do seu concerto, tivo lugar no Parque Nelson Mandela de Navia, onde colocaron unhas 900 cadeiras, das que só se utilizaron preto de 200: “Foron optimistas de máis. De todos os concertos que fixemos en Galicia este verán, foi o único no que non enchemos”, finaliza.

Falar do interese da cidadanía nas bandas locais é un tema complexo. Para unha gran parte do público son unhas descoñecidas, mesmo “afeccionadas”, e sen un apoio firme por parte das institucións a súa música non consegue saír de certos círculos moi reducidos. É un feito irónico, xa que como sinala Toño López, “moitas das bandas coñécense máis fóra de Vigo e Galicia que aquí, polo que é unha moi boa oportunidade para chegar á xente”. Xa se sabe, ninguén é profeta na súa terra. Wöyza non pensa que exista ese deixamento por parte do público, xa que “a xente acude aos concertos independentemente de que lles guste ou non o grupo, gústalles a música en directo“.

Resumindo, trátase dunha gran iniciativa que chega tarde e con serios problemas de organización e promoción. Certo é que a situación no é a máis doada, cun virus que nos fai cambiar de planes continuamente. En todo caso, se se toma nota destas e outras opinións para o ano podería realizarse a gran festa da música que Vigo merece.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.