REVISTA ABRIL

Sandra Martínez (Mina Ilustraciones): ‘Gústame pensar que a xente de fóra queda con boa imaxe de Vigo ao ver as miñas ilustracións’

Sandra Martínez é licenciada en belas artes e compaxina o seu traballo como deseñadora gráfica e web coa súa paixón: a ilustración en lapis e acuarela. Desde a súa marca Mina realiza ilustracións de persoas famosas, personaxes de series e efemérides que acompaña de frases inspiradoras. Unha das súas creacións, ‘Hoxe choro por Galicia’ deu á volta ao país nos incendios de 2016, e ‘Latexo galego’ foi unha das imaxes máis compartidas o pasado 25 de xullo. Agora Sandra e a súa cadela Tina (ambas socias de Mina), queren poñer Vigo no foco cunhas colección de máscaras con ilustracións da cidade.

Como nace Mina, o teu proxecto de ilustración?

Mina é o nome que escollín cando decidín ensinar os meus debuxos en Instagram e as redes sociais no 2016. Fíxeno porque daquelas debuxaba case únicamente a lápis. Tiña un estilo moi recoñecible, con borróns e liñas abertas en branco e negro. Despois fun introducindo pinceladas de cor e hoxe case todos os meus traballos son con acuarela.

A que se debeu o cambio?

Hai algo de crecemento persoal e necesidade de explorar novas técnicas. Ademais, pouco depois de abrir a conta de Istagram recibín varios encargos editoriais que, sen ser esixencia da editorial, requerían de cor. En xeral, o feito de amosar o meu traballo en redes marcou un antes e un despois na miña carreira como ilustradora. Comecei a recibir chamadas de editoriais en Madrid e Londres e a colaborar na ilustración de portadas e interiores de libros de Mueve tu lengua, Verso & cuento e Penguin Random House.

Aínda así, sigues traballando a xornada completa para terceiros

Si, por fortuna ou por desgraza non vivo de Mina. Isto ten a parte mala de estar pluriempregada e non sempre facer as tarefas que me gustaría, pero tamén ten a vantaxe da estabilidade económica e de non realizar sempre unha tarefa tan solitaria como é debuxar na miña casa. En resumo, non me queixo e síntome igualmente realizada como ilustradora.

Falas de proxectos en Madrid ou Londres, pero a túa nova creación, as máscaras ilustradas, ten Vigo como protagonista.

REVISTA ABRIL

Si. Hai varios meses que estou realizando unha serie de ilustracións da cidade, pois son unha namorada de Vigo. Despois de emigrar varias veces, voltei á casa con intención de quedarme e experimentei unha conexión moi forte coa cidade . Por iso comecei unha serie co lema ‘Vigo no corazón’ no que plasmo os meus rincóns favoritos: Praza España, Porta do Sol, o Casco vello, a ría… Gústame pensar que a xente de fóra queda con boa imaxe de Vigo ao ver as miñas ilustracións. A idea inicial era reproducir os debuxos en bolsas, das que cheguei a facer algunhas para os amigos, pero coa pandemia, decidín facelo en máscaras que están tendo moi boa acollida.

Poderíamos dicir entón que sacaches algo bo da cuarentena. Como cres que afectou o parón aos debuxantes?

No meu caso non vin diferencias significativas a nivel laboral. Seguín traballando con normalidade e recibindo encargos de ilustracións, probablemente incluso máis.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.