REVISTA ABRIL

Catro novos concertos dentro do ciclo Máis que Blues

A asociación cultural River Bucks non cesa no seu empeño de achegar a Vigo o mellor do blues e do rock internacional, polo que traen baixo o brazo catro novos concertos de moito nivel para este primeiro semestre: The Cinelli Brothers, Supersuckers, Warner E. Hodges e The Steepwater Band.

Os Supersuckers durante un concerto na Sala Rouge en febreiro de 2020 | River Bucks

Están a ser, de novo, meses moi complicados para a música en directo. Moitos artistas vense obrigados a cancelar as súas actuacións polo cambio das normativas sanitarias, que impiden nalgúns casos o normal desenvolvemento deste tipo de eventos culturais. Nótase tamén nos artistas internacionais, que están a cancelar ou pospoñer as súas xiras nestes meses, como é o caso de M. Ward e Sharon Corr na nosa cidade.

Con todo, aínda existen persoas valentes con ganas de avivar a cultura local e ofrecer ao público vigués concertos especiais fóra dos circuítos habituais. A asociación cultural River Bucks naceu na Guarda en 2017, e desde esas xa programaron concertos de moitos quilates na nosa urbe: Marc Ford, Willie Nile, Stacie Collins, Josh Hoyer, Peter Case, Ana Popovic, Watermelon Slim, Drivin N Cryin… Son os organizadores do ciclo Máis que Blues desde 2018 e do festival Stomp & Holler en 2019 e 2020.

REVISTA ABRIL

Para este 2022 retoman o Máis que Blues con catro concertos internacionais na Sala Rouge, sendo dous deles vellos coñecidos. O primeiro será o 18 de febreiro cos italobritánicos The Cinelli Brothers, unha sorprendente banda de soul e blues desas que paga a pena botarlle unha oída. Os seguintes en subir ao escenario da Rouge o 5 de abril serán os Supersuckers, que xa visitaron ese mesmo lugar da man de River Bucks en febreiro de 2020, nun dos últimos concertos da antiga normalidade. Grupo de rock and roll directo e sen fisuras con 25 anos de experiencia ás costas que fará as delicias dos amantes do xénero. Por algo eles mesmos se proclamaron como a “banda de rock and roll máis grande do mundo”. Ademais de moi bos músicos, son xente humilde.

A festa continúa o 1 de maio con Warner E. Hodges, guitarrista habitual de Dan Baird (quen tamén visitou Vigo nun Máis que Blues), que nos ofrecerá rock sen concesións con influencias de ACDC, Black Sabbath ou Ramones. Por último, un dos pratos fortes destes cinco anos de asociación: os estadounidenses The Steepwater Band, que repetirán en Vigo o 28 de maio tras facer o propio hai un lustro, en setembro de 2017. Nestes últimos 20 anos convertéronse nunha das bandas máis relevantes de blues rock. Nesta nova xira, á parte das novas cancións do seu último álbum Turn of The Wheel, tamén teremos o pracer de ver en acción por primeira vez ao baixista Joe Bishop, con quen levan xirando nos últimos tempos.

As entradas para The Cinelli Brothers xa están á venda aquí.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.