Vigo, cidade de cor: Diego AS
A arte urbana galega saca peito. Artistas como Liqen, Lula Goce, Mon Devane ou Peri non deixan de recibir mencións importantes a nivel internacional dentro deste eido. O último en unirse a este club tan selecto é Diego Anido Seijas, máis coñecido como Diego AS. Faino tocando ao ceo: unha das obras que asina foi recoñecida pola plataforma Street Art Cities como o mellor mural do mundo en 2021. Hai ben pouco que Vigo conta cun mural que, talvez, chegue á mención deste ano 2022.
Trátase dunha obra impresionante situada na avenida de Castelao. «No mural pódese ver a soldado francés, un deses que no século XIX pretenderon invadir Vigo, algo que impediu o pobo; a día de hoxe, continúan as guerras por intereses de calquera tipo», aseguraba o artista en redes sociais, rematando a obra cunha clara mensaxe antibelicista. No canto da baioneta, a arma que soldado napoleónico ten na punta do canón é unha rama de oliveira, símbolo da paz e, ao mesmo tempo, da nosa cidade. No ombro ten unha rata —que queda á interpretación de cadaquén—. Segundo o propio artista, a obra «busca simbolizar que non ten sentido realizar reconquistas como a que intentaron os franceses, e máis en tempos coma os actuais», nunha alusión á situación actual de Ucraína.
Deste xeito, o artista conxugou na obra dous dos retos principais aos que nos enfrontamos como especie. O primeiro, na mensaxe: os autoritarismos e a violencia que non conseguimos erradicar. E o segundo, o cambio climático: que viviu na propia pel, dado que tivo que enfrontarse a un muro de trinta metros —o máis alto na súa carreira— en plena onda de calor, con temperaturas que, por momentos, chegaron aos 40 °C.
O mural sitúase na avenida de Castelao, á altura do número 29.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Galicia Magic Fest, ‘Esfínter’ e ‘O Crebanoces’ na última fin de semana do ano en Vigo - 26 Decembro, 2024
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024