VIALIA
bannerPicnicSesions

Vigo, cidade de cor: Noecor

Proseguimos o percorrido por algúns dos murais que engalanan a cidade, e facémolo cunha obra da última fornada do programa Vigo Cidade de Cor. A peza atópase no comezo da rúa de Sanjurjo Badía. A culpable faise chamar Noecor, unha artista multidisciplinar uruguaia que destaca polas súas pezas realistas, que decote se centran na figura e no concepto do feminino. O mural do que falamos é un bo exemplo do seu estilo e está motivado pola ascendencia galega da artista, como ela mesma explica: «Ao pensar en pintar en Vigo lembrei a historia das miñas avoas falando en galego, como o idioma secreto das mulleres da familia, o seu idioma propio que ninguén máis entendía. E, buscando imaxes da miña nai, atopei unha soa foto onde aparecen dúas mulleres do brazo; unha é a miña bisavoa, filla de galegos».

A morriña zumega polos poros da medianeira deste edificio, que estrea imaxe nova grazas a Noecor. As raíces, a familia, a identidade, o idioma, a comunidade. Son conceptos que emerxen con forza desde a parede e nos sacoden sexa cal for o punto de vista. Ninguén mellor que a propia artista para razoar isto: «Manter viva unha lingua que nos une coma un club secreto remitíndonos a unha terra que foi fogar, ou tomarnos do brazo para unha fotografía (nun momento en que unha foto era unha rareza) aliñouse cun concepto de unión no que veño pensando moito: a unión como acto silencioso de resistencia. Creo que a forza que temos está na nosa unión e cara a aí imos, do brazo, da man, ou como queiramos».

REVISTA ABRIL

O MURAL ESTÁ NO NÚMERO 7 DA RÚA DE SANJURJO BADÍA.

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Setembro de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)