CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: Maz

Vincent van Gogh ingresou voluntariamente nun sanatorio mental no final da súa vida. Illado do mundo exterior e inmerso nunha profunda depresión, sentíase preso do seu propio pensamento. Coa creatividade atordada e en estado inoperante, decidiu reinterpretar un gravado de Gustave Doré co que probablemente se sentise representado. Van Gogh, ao igual que os presos do gravado, non paraba de dar voltas e voltas sen atopar a saída tras as altísimas paredes que amplificaban a sensación de claustrofobia. Nesa interpretación incluíu un elemento que pode pasar inadvertido aos ollos preguizosos: dúas bolboretas que nos lembran que hai vida alén dos muros, achegando un sopro de esperanza co bater das alas.

Un século e medio despois, Maz reinterpreta a reinterpretación, dálle outra volta á pintura, pero utiliza a mesma sensación de claustrofobia. Este artista, que prefire manterse no anonimato, amplifica o simbolismo das bolboretas ata converter aos protagonistas da obra en prisioneiros das súas propias mentes, máis que dos muros que os abranguen. Así nos sentimos nós moitas veces, dando voltas sen fin, atrapados voluntariamente por muros insignificantes ante a grandiosidade da natureza e a vida fóra da nosa limitada testa. Iso é o que nos recorda Maz neste detalle dun mural moito máis amplo, ante o que probablemente pasaría moito tempo o malogrado Vincent.

O mural sitúase nos muros do colexio da Compañía de María, na rúa do Ecuador.

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)