ASNEVES
REVISTA MAIO

Vigo, cidade de cor: Ampparito

Ignacio Nevado é o nome artístico do rapaz madrileño que asina como Ampparito. A elección do nome resulta unha auténtica declaración de intencións, dado que a pedra angular das obras deste artista novo é o desconcerto, obrigando a quen se atope cunha obra súa a mirar dúas veces e pensar que é o que acontece aí. Iso é exactamente o que sentín a primeira vez que vin unha súa obra para o certame municipal «Vigo, cidade de cor»: unha mestura de desconcerto e enfado. Pero despois de ollalo un par de veces máis, empecei a asentar a mensaxe, a entender a obra e, a pesar de que probablemente os máis decorativos consideren que é unha peza fea e sen valor, discrepo.

Non intentarei explicar a obra, xa que é imposible facelo mellor que o propio artista: «O artigo 580 do Código Civil di que ningún medianeiro pode, sen consentimento do outro, abrir en parede medianeira ventá nin oco ningún. Algo desalentador, de non ser polo ulterior artigo 581, que apunta que o dono dunha parede non medianeira, contigua a predio alleo, pode abrir nela ventás ou ocos para recibir luces á altura das vías, ou inmediatos aos teitos, e das dimensións de 30 centímetros en cadro e, en todo caso, con reixa de ferro metido na parede e con rede de arame. Estas pequenas xanelas, denominadas ocos de tolerancia, están pensadas para satisfacer a entrada de luz, que entre algo de sol, mais procurando manter protexer a intimidade. Galicia ten moita medianeira e pouca luz, o que resulta un cóctel explosivo. Por iso resulta rechamante que a tolerancia teña o límite en 30 x 30 centímetros; polo que exceder isto é, evidentemente, intolerable». Pero o artista explica que, ás veces, estas lumieiras acaban converténdose en ventás, como no muro que el mesmo tivo que intervir: «As pegadas nel deixaban entrever como, reforma tras reforma, se foi estirando o oco de tolerancia primixenio ata chegar a unha luminosamente intolerante ventá de 100 x 100 centímetros. O meu lenzo estaba furado asimetricamente por uns propietarios ávidos de vitamina D; non hai que esquecer que os coloridos murais urbanos están pintados sobre a escuridade das persoas que habitan o lado oposto da parede». Entendendo isto, Nevado decidiu relaxarse e fixo un mural que, por vez primeira, puidese resultar útil do outro lado. «O que fixen foi copiar e pegar ata xerar un nivel de ruído e confusión propicio e así facilitar que na seguinte reforma sexa máis fácil seguir expandindo esa comprensiva intolerancia en busca de luz».

O mural sitúase na rúa de José Fiaño Señor, á altura do número 12.

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)