GFFF
GFFF

Turmalina: ‘brunch’ á brasileira

Ademais de acoller populares concertos, Castrelos inaugurou este verán un negocio que fusiona a cociña brasileira coa moda do brunch nunha carta chea de panqueiques e torradas. Falamos da cafetería Turmalina.

Fotos: Paula Cermeño

O nome está tomado do municipio de Minas Gerais en que se criou a responsable do negocio, Samia. Un aliciente para visitar o espazo gastronómico de Turmalina é que se trata dun dos poucos locais de Vigo onde se pode catar a comida típica das rúas do Brasil, pois no país da samba non se come rodicio a diario, senón que son máis habituais as croquetas cheas de polo especiado denominadas coxinhas, as empanadillas fritidas chamadas rissois e o característico pão de queijo. Da carta destacamos os panqueiques con cochinita pibil, aguacate e ovo. Unha especialidade da casa é a torrada con mortadela, queixo de cabra, eiruga e noces.

Capítulo á parte merecen as cuncas que se preparan en forma de batido cremoso cuberto de froitos de açaí que se trituran conxelados, cereais e paçoca, un doce típico brasileiro a base de cacahuete, mandioca e azucre. As cuncas de açaí son unha das últimas modas gastronómicas en chegar ás cidades europeas cunha apetecible textura de xeado e interesantes propiedades antioxidantes e enerxéticas. No apartado das bebidas, tamén é palpable o influxo brasileiro. Alén do clásico zume de laranxa, destaca a extensa carta de zumes de froitas tropicais (acerola, guaiaba, guanábana, manga, maracuxá, pitaia…); ademais do célebre refresco de guaraná. Non tan brasileira é a carta de cafés, que dispón de lattes aromatizadoscon ingredientes como a cúrcuma, a remolacha ou o té matcha, con colorido, nutrientes e moito sabor.

REVISTA SETEMBRO

Turmalina naceu hai un lustro como unha típica cafetería no lateral do Mercado do Calvario; pouco a pouco, Samia foi introducindo as súas especialidades doces e salgadas, elaboradas polo seu equipo no propio local. Tras ver que o negocio funcionaba, decidiu abrir unha sucursal na zona de Castrelos, onde conserva a carta e a esencia que lle deron popularidade. O novo local é moito máis amplo, consta de dous pisos, unha terraza e unha pequena zona infantil.

Aínda que o máis destacado da carta poidan ser os pratos propios dun brunch, Samia prefire seguir vendo o seu negocio «como unha cafetería das de toda a vida, na que unha persoa pode estar comendo uns panqueiques namentres que outra persoa toma un viño», algo que facilita o amplo horario deste segundo local, que abre da mañá á noite. Esta adherencia ao negocio tradicional reflíctese nun ambiente de traballo familiar e un trato próximo coa clientela, valores que son son sinais de identidade da casa.

Rúa de Monforte de Lemos, 2; rúa da Caleira, 2 | cafeteriaturmalina.es | @cafeteriaturmalina

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.