REVISTA ABRIL

Cielito Querido: ándale ao ‘brunch’!

Cielito Querido é un novo café na Rúa Pizarro, con cociña aberta durante todo o día e especializada en brunch e merendas con sabor mexicano. Espazo amplo, tanto interior como terraza, zona infantil e moita variedade de pratos que podemos desfrutar de almorzo, xantar ou merenda.

Almorzar torradas con manteiga está pasado de moda; canto antes o asumamos, antes empezaremos a abrirnos ás novas, deliciosas e contundentes propostas que non paran de asentarse na cidade. Unha das últimas vén da man de Marimar, unha mexicana de ascendencia viguesa que abriu en decembro as portas de Cielito Querido, un espazo diáfano cunha carta moi gorentosa e unha cociña aberta de luns a sábado, de nove a nove.

O local está especializado en brunch e merendas con sabor mexicano. «En México ceamos lixeiro e espertamos con fame, polo que é normal comer tacos desde a mañá; picantes, por suposto», comenta a hostaleira. Polo momento, aquí non se atreve a tanto e ningún dos pratos leva picante se non o pedimos especificamente, pero quere trasladarnos a filosofía de comer contundentemente polas mañá. Ou a calquera hora.

En Cielito Querido, pratos clásicos dun brunch, como as torradas con ovo e aguacate e os bagels con salmón afumado, conviven con interesantes preparacións propias de México. Probamos un brioche de pulled pork ben pingón con ensalada de col e unha torta de cochinita suave e especiada, con todo o sabor a México grazas á salsa de achiote, a base de feixón negro pisado e a frescura de cebola conservada en vinagre. Tamén se ofrecen moletes mexicanos —«un clásico dos almorzos aló», apunta Marimar—, quesadillas e totopos con guacamole acabado de facer. Todos os guisos e elaboracións están feitos coa receita tradicional da rexente do local na propia cociña.

A carta de doces é máis clásica, pero igual de ampla e apetecible: gofres, pancakes e unha vitrina con biscoitos caseiros e galletas. Para beber, pódese optar por zumes ou batidos elaborados con froita fresca e combinacións tan suxestivas como o «Antioxidante», que combina laranxa, cenoria, fresa e mazá, ou o «Detox», con ananás, laranxa, espinaca e menta.

REVISTA ABRIL

Outro dos costumes mexicanos que Marimar implantou no local é a zona infantil. Así, mentres o papá ou a mamá desfrutan da comida, a criatura completa un crebacabezas, pinta, ou xoga con bonecas ou; así non hai que comer ás présas por ter que correr para o parque, algo especialmente útil en tempos de chuvia.

Todos os pratos pódense pedir a calquera hora do día e degustarse no amplo interior do local, na terraza ou recollelos para levar para a casa. Pero para quen non se atreva con tanto exotismo, tamén hai torradas con manteiga ou croissants, para que todo o mundo poida comer e saír cantando a ritmo de rancheira.

Rúa de Pizarro, 99 | 667 33 79 15 | @cielitoqueridovigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.