Sesión vermú con Povarelo
Algunha vez pensamos que o vermú sería unha moda breve para despois encariñarnos con esa copiña doce e saborosa que nos empurra a quedar coas amizades ao sol sen hora de retirada. Moda ou non, hai bodegas que levan décadas elaborando este viño macerado co mesmo agarimo que o mellor tinto. É o caso de Povarelo, un vermú elaborado no Carballiño a partir dunha base vínica dunha coidada selección de viños galegos e seguindo a receita da familia Paniagua desde 1940.
O segredo de Povarelo está na calidade do viño, descartando as opcións da colleita que non dean a calidade esixida, e na paciencia. Os viños gárdanse en barricas de carballo durante 14 semanas e os botánicos macéranse por separado para lograr un equilibrio e un corpo perfecto na mistura. Atopamos notas de asente, canela, regalicia e sabugueiro no vermú roxo e azar, loureiro, eucalipto balsámico e cardamomo para aromatizar o vermú branco. Unha vez aderezado, o líquido repousa novamente; 100 días no caso do branco e 150 no do vermello.
Non é complicado atopar Povarelo, pois a marca leva a cabo moitas accións a pé de rúa colaborando sempre cos hostaleiros. Hai varios locais en Vigo nos que degustar dun grolo de Povarelo, cada espazo cunha proposta diferente:
La Quesería (Rúa de Teófilo Llorente, 12)
Comezamos a peregrinación no centro da cidade, en La Quesería; unha tapería no casco vello cuxo nome deixa claro cal é o produto estrela da casa: o queixo, un alimento do que serven ata 65 variedades en táboas, tostas, croquetas e provolone. A maioría proceden de pequenas factorías estatais. Ángeles, a dona, proponnos unha maridaxe cunha sorprendente tetilla con chourizo, un pouco de queixo azul, ou un macerado en romeu e pementa negra que contrastan co punto doce da bebida.
Las Barricas (Camiño Fontela, 130)
Aproveitando o sol, poñemos rumbo á praia. A carón da capela da Nosa Señora do Carme, en Canido, chegamos a Las Barricas; un negocio de tapas tradicionais, moi frecuentado polos veciños da zona e perfecto para xuntanzas con amigos polo tamaño abundante das racións que serven e ampla terraza interior. Pablo, que colleu os mandos do local en 2011, suxírenos acompañar o vermú roxo con produtos do mar, como unha tapa de luras ou unha torrada de polbo con tetilla e vinagreta de tomate.
Los 3 Monos (Avenida de Samil, 43)
Co solpor, poñemos encamiñámonos a un local próximo, nas inmediacións da praia de Samil, lugar perfecto para desfrutar do espectacular ceo sobre as Cíes e dun ambiente festivo. Los 3 Monos é unha das aperturas máis sonadas nas últimas semanas; un local polivalente no que se pode desde tomar un vermú ata quedar a cear.
Pero se preferimos catar o sabor de Povarelo na casa ou facer con el un regalo, na web da bodega dispoñemos de estoxos para quedar sempre con bo sabor de boca.
DATOS DE CONTACTO
Web: povarelo.com
Facebook: @Povarelo
Instagram: @povarelo
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024