REVISTA ABRIL

Que facer en Vigo esta fin de semana

Velaquí tedes 10 propostas de actividades en Vigo para pasar a última fin de semana antes das festas do Nadal. Mercados, danza e sobre todo moita música. Para todas as actividades pódese ampliar a información premendo no título. Na axenda de eventos de A Movida encontraredes moitos máis eventos.

The Rapants

Premios Maketón – Xoves ás 21h na Sala Master Club – De balde
Celébrase a 22ª Edición dos Premios Maketon Maeloc, onde danse a coñecer os proxectos galardoados deste 2022 no panorama musical galego. Ademais, no evento actúan os artistas locais KYOTTO e Zalomon Grass.

Os Vacalouras – Venres ás 21.30h na Sala Master Club – Desde 10€
Despois de marcar un antes e un despois co seu hit do verán ‘O Samil e Portugal’ cunha colaboración de luxo como foi o mesmo Quim Barreiros, e de sacar 3 singles máis adianto ‘Fedes a faiado’, ‘Acacia negra’ e ‘Tírate da ponte de Rande’, Os Vacalouras dan o seu concerto XV aniversario, para pechar este primeiro ano de presentación do seu novo disco ‘Xuventude Prexubilada’.

The Rapants + Galician Army – Venres ás 22h na Fábrica de Chocolate – Desde 10€
The Rapants son a fábrica de baile do momento en Galicia. Unha auténtica festa para celebrar o lanzamento dos seus dous últimos singles ‘O Avión’ e ‘A vida’ que supoñen o punto de partida do novo disco ‘O Corasón como un Áfter’. A esta festa súmanse os Galician Army, colaboradores da banda que non querían perderse unha data tan sinalada.

Nadal solidario Entreculturas – Sábado ás 17 h e mércores ás 21:30 h –

Estes días a asociación está celebrando no Colexio Apóstol un troco solidario que culmina o sábado cun obradoiro de reciclaxe para nenos, un obradoiro de cociña de aproveitamento para adultos e unha mesa redonda. O mércores na Fábrica de Chocolate celebran o tradicional concerto solidario de Nadal no que participan Aid Alonso, Reyes Caride e Adrian Timms.

Feira de Nadal – Sábado de 12h a 21h en A Morada – De balde
A Morada organiza xunto con Outro Conto unha Feria de Nadal con postos de artesanía, obradoiros e espectáculos durante todo o día. Ademais, haberá petiscos veganos para mercar durante todo o día e o sorteo dunha cesta de Nadal no que poderedes participar mercando unha rifa no local por 3€.

Lonxa vermú do Nadal – Sábado e domingo de 12.30h a 20h en La Contenedora – De balde
Un vermú de Nadal con tapas, música e unha chea de postos de marcas, artistas e artesáns. Un lugar ideal para facer as compras do Nadal, tomar un descanso e un piscolabis, e descubrir o curro dunha chea de creadores locais.

Papanoelada Moteira – Sábado ás 16h en Navia – De balde
Miles de motoristas poderán este ano percorrer a cidade ataviados de Papá Noel, na 12ª edición da Papanoelada Moteira. Unha iniciativa que enche de cor as rúas da cidade durante toda unha tarde e que apaixona tanto a pequenos como a maiores. Os únicos requisitos para motoristas e acompañantes e ir disfrazados e levar caramelos.

REVISTA ABRIL

Teatro Gorrilla – Sábado ás 17h, 20h e 21h en varias localizacións – Taquilla inversa
Teatro Gorrilla volve cunha edición especial para rematar o ano. Tres pezas de danza para tres espazos alternativos e non convencionais como son A Morada, A Casa de Arriba e a Sala Kominsky. Este proxecto pretende transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida.

65 Concerto de Nadal – Sábado ás 20.30h no Teatro Afundación – Desde 8€
Como cada ano, a Coral Casablanca e a Orquestra de Vigo únense nun concerto especial de Nadal, que este ano cumpre a súa 65 edición. Voz e instrumento únense nunha actuación chea de emoción e calidade.

Mosquetera – Sábado ás 21.30h na Sala Kominsky – 10€
Lúa Mosquetera, unha das voces máis prometedoras da escena poética galega, actúa na Sala Kominsky. Desta volta tráenos un concerto de poesía acústica, no que estará acompañada do artista e compañeiro Pablo Seijas.