Os vigueses Caldo, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf”
A banda local de folk Caldo é unha das finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf”, un certame musical para grupos e artistas que promove a Deputación da Coruña. A final terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón desta cidade o vindeiro 28 de novembro.
Hai un par de semanas anunciabamos que Caldo era unha das agrupacións locais galardoadas nos Premios Martín Códax da Música Galega, na categoría Folk, xunto con High Paw e a Orquestra América. Hoxe a noticia é que o trío formado por María Jorge ao violín, Anaïs Barbier á voz e pandeireta e Pedro Fariñas á guitarra e gaita é un dos finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf”.
Xunto con eles estarán á Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi. Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega, desde electrónica ata música tradicional . Formou parte do xurado como presidente Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais da xornalista e músico Xiana Arias Rego; a produtora Aitana Cuétara Yáñez; o músico Marcos Otero Payno; a xornalista Belén Regueira; e o músico Marcos Rodríguez Fontenla. Como secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 28 de novembro e que se emitirá tamén a través de ‘streaming’.
O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor de Silleda. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Mounqup, Bala, Familia Caamagno ou a artista local Su Garrido, entre outros.