CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Su Garrido Pombo: «Aínda que me tremesen as pernas, tiña que ser capaz de cantar eu soa»

Se algo caracteriza a Su Garrido Pombo (Vigo, 1982) é a sinxeleza. Véselle no vestir, no andar, na mirada, na fala e, por suposto, na música. Detrás dunha voz doce e melódica hai unha muller comprometida e coas ideas claras, que conquista na distancia curta. Quen a coñeza ha saber que veu para quedar.

Levas toda a vida vencellada á música, pero non foi ata o 2018 cando te decidiches a sacar un disco en solitario. Por que tardaches tanto?

Supoño que ten que ver con que non me vía capaz de poder sacar un disco eu soa. É certo que canto desde desde que era pequena, pero por algunha razón non pensaba que eu puidese subir a un escenario para cantar e tocar en solitario. As mulleres de certa idade non tiñamos referentes próximas, a miña referente era Björk na MTV, e iso xa quedaba un pouco lonxe.

Logo ser muller influíu?

Ser muller influíu moito, desde logo. Pero tamén inflúe de onde vés. Non é o mesmo vir dunha familia que se dedica a iso, na que hai quen che aprende o oficio a vir dunha aldea ou dun barrio. Eu non tiña nin idea.

De pequena botaches moito tempo coa túa avoa Leonora en Fornelos de Montes e e seica iso marcou a túa música.

[…]

Como xurdiu esa paixón por cantar?

De pequena xa cantaba enriba da mesa para todo o mundo. Creo que é unha maneira de rebelarme, de sacar a mala hostia. Tiven a gran fortuna de dar con ese camiño para expresarme. Por iso para min é tan importante que a xente se anime a cantar, porque por aí se pode atopar unha vía de escape.

En que momento decidiches dedicarte plenamente á música?

[…]

Entón foi en Irlanda onde iniciaches a carreira profesional na música.

Si, alí sentín que todo era posible. Foi a primeira vez que a xente do meu arredor vía máis claro ca min que tiña que dedicarme a isto.

E como é o camiño da profesionalización?

É un camiño fácil? Non. Pero tampouco é doado madrugar todos os días para ir a unha fábrica a traballar oito horas nunha cadea de produción. Dedicarse a música é complicado? Si. Gáñanse poucos cartos? Si. Hai que traballar moito? Si. Pero en case todos os traballos que eu coñecín é así. Os músicos recibimos moito cariño da xente, iso non pasa noutros traballos. E encántame o que fago, aí eu son unha privilexiada.

Como se forxou este disco, Quedo a vivir aquí?

Eu facía cancións sen un obxectivo, pero logo vin que todas esas cancións tiñan un nexo, que está contido nese título, Quedo a vivir aquí. A teimosía, aínda que me tremesen as pernas, aínda que me custase todo… Tíñao que facer, tiña que ser capaz de cantar eu soa.

Vémoste no escenario cunha guitarra e un pedal de loops, todo moi sobrio.

Tiven unha revelación ao ver a Caetano Veloso por primeira vez aquí, en Vigo: unha persoa cunha guitarra e unha voz era capaz de encher o espazo e conectar con toda a xente. Nos meus concertos recréase esa atmosfera, estamos todos aí xuntiños escoitando… non importa máis nada. O que pasa fóra, queda fóra. Hoxe en día estamos cheos de distraccións por todas as partes, polo que concentrarse e escoitar é un acto subversivo, mesmo diría que é revolucionario.

Hoxe en día concentrarse e escoitar é un acto subversivo, mesmo diría que é  revolucionario

Acabas de ser nai. A maternidade é compatible coa música?

[…]

A menos de mes e medio de dar a luz estabas encol dun escenario.

Si, pero imos falar con franqueza: necesitaba os cartos, fanme falta. É o meu traballo. Eu canto porque me encanta e é a miña vida, pero tamén porque cobro. Isto segue sen verse como o traballo que é. E temos que cobrar sempre, a non ser que toquemos por causas benéficas. Todo traballo merece ser pagado.

Eu canto porque me encanta, pero tamén porque cobro

Como ves a saúde musical de Vigo?

Hai unha calidade impresionante, pero os únicos que están apostando pola calidade da xente de aquí son as salas, non hai apoio por parte das institucións.

Que botas en falta?

Pois unha programación estable de música e un lugar público cun aforo real para grupos locais, e non un Mar de Vigo, porque é algo inabarcable. Boto en falta programadores con criterio, e non facer un festival grandilocuente porque dá votos. Iso é propaganda. Calquera cidade que se prece ten un circuíto de música, estamos falando da cidade máis grande de Galicia, e aquí non hai nada. O panorama é desolador.

Témoste visto moi vencellada a diferentes movementos sociais. Cres que a través da música se poden cambiar as cousas?

Cando eu considero que eu podo axudar a reverter unha inxustiza, non dubido en actuar. No caso do Paseo de Afonso ou no da horta do Berbés parecíame xusto o que se reivindicaba.

Precisamente escolliches ti que quedásemos no Paseo de Afonso XII para facermos esta entrevista. Tes esperanza de que aínda non estea todo perdido?

CAMELIAS NADAL

[…]

Texto: Tamara Novoa
Foto: Pablo Vázquez

[ Podes ler a entrevista íntegra na revista A movida de marzo. Faite con ela de forma gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]

(GMT+01:00)

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.