REVISTA MARZO

Caldo, High Paw e a Orquesta América galardoadas nos Premios Martín Códax

Onte á noite, no Pazo da Cultura de Pontevedra, tivo lugar a gala dos Premios Martín Códax da Música, onde tres proxectos vigueses foron galardoados: Caldo en Música folk, High Paw & Elephants Yard en Reggae, ska e mestizaxe e América de Vigo en Orquestras, grupos e músicas de verbena.

Foto cos gañadores/as nas diferentes categorías | Premios Martín Códax

A pesar de ser os premios da nosa música, a canle autonómica non viu preciso televisar a gala, polo que esta VII edición dos Premios Martín Códax só puido seguirse en streaming pola web da organización. Son os Premios promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo que nacen co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego.

Este ano foron tres proxectos vigueses galardoados: Caldo en Música folk, High Paw & Elephants Yard en Reggae, ska e mestizaxe e América de Vigo en Orquestras, grupos e músicas de verbena. Ademais, outros artistas da cidade figuraban entre os nominados, como por exemplo Pablo Lesuit, Yugen Kala, Kaixo, Katerina Linke ou Chow y la Diligente Reggae Band. Tamén destaca a presenza de La Fábrica de Chocolate entre salas preseleccionadas, galardón que acabou en mans do Náutico de San Vicente (O Grove).

Esta é a listaxe completa de todos os gañadores:

Banner A Movidiña

Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
Canción de Autor/a: Silvia Penide
Metal: Broa
Electrónica: Músculo!
Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Rock: Agoraphobia
Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
Música Infantil: Magín Blando e a Banda das Apertas
Músicas do Mundo: Najla Shami
Música Folk: Caldo
Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio

Premios Organistrum:

Salas: Naútico
Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas