REVISTA ABRIL

Estas son as ArtistAs de Davida no barrio de Bouzas

Por terceira semana consecutiva, traémosvos a solución das pistas sobre a localización das ArtistAs de Davida. Neste caso fomos dar un paseo polo barrio de Bouzas, onde poderemos encontrar catro ilustracións deste proxecto de #ARutaDasArtistas, tres delas pertencentes á agrupación Ukestra do Medio. Lembra que atopalas ten premio!

YOLANDA PORTO – Rúa Covadonga

Forma parte da Ukestra do Medio dende 2013, como percusionista e cantante. Na Ukestra toca o caixón e pequenos instrumentos de percusión. Outros proxectos musicais nos que participa son “Lei e Loro” e “El Coro sin Nombre”. Nativa ferrolá, vive entre Compostela e Valdoviño. Profesionalmente dedícase á conservación e restauración de arqueoloxía, arte e antigüidades.

SARA PIÑEIRO – Mar Sánchez Estilistas (Rúa Alfredo Brañas, 15)

Uniuse á Ukestra do Medio a mediados de 2014 tras comezar a tocar o ukelele uns meses antes de xeito autodidacta. Na formación comezou co ukelele soprano e posteriormente como cantante e tocando o ukelele tenor. En 2019 graduouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo e actualmente atópase rematando o Máster en Dirección de Arte Publicitaria na mesma universidade. Cun pé en Pontevedra e outro en Compostela, compaxina as actividades musicais con proxectos de producción artística, deseño e ilustración.

KATIA MERA – Cantina Liceo (Rúa de Eduardo Cabello, 8)

Picheleira de nacemento, toca o ukulele e canta na Ukestra do Medio desde os seus comezos no ano 2013. Durante moitos anos traballou no Bar-Tolo e desde finais de 2016 forma parte da equipa de Legumia (Santiago de Compostela), tenda de alimentación a granel na zona vella da cidade. Tamén colaboro no selo discográfico independente Lixo Urbano desde os seus inicios, e ultimamente animouse a aprender a tocar a pandeireta e canto tradicional na Asociación Cultural Gentalha do Pichel.

PAULA VALLUERCA – Pinche Pancho (Rúa Covadonga, 4)

REVISTA ABRIL

Paula Valluerca naceu en Vitoria, País Vasco. Alí comezou a subirse ao escenario e seguiu na Univeridad de Salamanca, onde pertencía ao grupo de teatro La Máscara. Deixou a carreira de filoloxía Inglesa en segundo ano e foi estudar Arte Dramática á Escola Navarra de Teatro. Despois, cursou un posgrao na London International School of Performing Arts especializándose en Creación de Teatro e Performance. A actriz vasca leva creando obras desde 2012, cando fundou a súa compañía internacional de teatro Intuitive Creatures. En solitario, creou shows como Madame Señorita. Formou parte de obras educativas coa compañía Dreampark e Something Wicked Productions en colaboración co director Adam Morley e o Instituto Cervantes en Londres. Ademais traballou como produtora de variety nights e como crítica teatral na revista Pop Up Teatro, en Madrid.


Cada semana subiremos unha serie de pistas para que atopedes ás ArtistAs de cada barrio. As primeiras persoas en atopar e fotografar todas as obras recibirán unha copia do libro ArtistAs asinado por Davida. Quen saque fotos ás Artistas dun só barrio, entrará no sorteo do mesmo libro. E, por último, quen sexa o primeiro en sacar unha foto de calquera das obras gañará unha lámina do debuxo en cuestión desta singular exposición. Ao subir a foto a Instagram ou Facebook tedes que poñer o hashtag #ARutaDasArtistas e etiquetarnos a Davida (@davidavgo) e a nós (@amovidavigo).

Consulta aquí as do barrio Casablanca.
E aquí as do Casco Vello.