High Paw, unha das voces con máis personalidade do panorama local
Paula Herrero, coñecida artisticamente como High Paw, vén de publicar fai unha semana o seu último videoclip, titulado My Temples. Ao igual que cada xoves en El Contrabajo Club, podémola ver acompañada polos seus fieis compañeiros de Elephant Yard. Tanto lle ten cantar en galego ou en inglés, reggae ou hip hop, esta cantante e instrumentista viguesa non deixa de traballar arreo, como ben o demostra o seu amplo currículo aos seus 25 anos.
Cando nace este proxecto musical de High Paw?
Son cantante dende hai tempo (dende os 15 anos, 2008) e sempre estiven en proxectos con estilos diferentes como punk rock, hip hop, soul ou gospel. Mativen os meus ouvidos abertos e adestrados en diferentes armonías e líricas, e aprendín de cada estilo recursos vocais. Máis ou menos no ano 2014 coñecín a Nahno Selectah que por entón pinchaba todas as findes no Kingston Club, ao que eu adoitaba ir porque a música feita ou inspirada en Jamaica chama moito a miña atención. Comecei a quedar con Nahno e a escoitar pouco a pouco todo o que tiña coleccionado en vinilo, cd ou dixital e aos poucos aprendín moito sobre a cultura do Reggae e das músicas que o preceden e suceden. Para cando fixemos o noso primeiro concerto xuntos no Dancehall Xplossion en Moaña tiven que buscar nome e así xurdiu.
Este novo tema que sacaches, My Temples, forma parte dun futuro disco?
É moi cedo para saber iso… polo de agora estamos no proceso de presentar o noso estudo The Dub Yard lanzando diferentes traballos con cantantes varios e producindo ritmos co sonido orixinal que podemos aportar o colectivo de xente que tocamos alí.
Tocas todos os xoves coa túa banda Elephants Yard en El Contrabajo. Como xurdiu esta idea de ser a banda residente do local?
Hai un par de anos, cando o colectivo Elephants Yard estaba dando os seus primeiros pasos, Rafa do Contrabajo fixo un par de concertos/jam con Iyahman Pablo e decatouse do ben que recibe a xente a boa vibra da música reggae. Decidiuse establecer unha sesión jam todos os xoves, que se abre cun repertorio “temático” (tributo a algún/algunha artista ou selo, noite de Rocksteady ou Rub a Dub, set especial dalgún cantante…) que nós deseñamos e ensaiamos. E alá podedes atoparnos os xoves ás 23h.
Historicamente, tanto o reggae ou o hip hop sempre foron xéneros maioritariamente masculinos. Pensas que están a cambiar as cousas?
Si, están a mudar en todos os ámbitos e non ía quedar atrás esta música cunha mensaxe e instrumentación tan potentes. A música reggae garda unha profunda reivindicación da negritude, da espiritualidade e da vida lonxe de opresións e contaminacións imperialistas.
Medra a representación que temos as mulleres nos escenarios (non so como cantantes senón como instrumentistas) por contar con máis apoio de nós mesmas e por recoñecer o ridículo de certos ataques directos ás nosas capacidades musicais ou creativas. Isto fai que existan referentes para as cativas, algo crucial para que se animen a facer música e se equilibre así a realidade da escea.
Onde se gravou o teu novo videoclip? Que mensaxe queres transmitir coa parte filmada nunha nave abandonada?
O clip gravouno Pixelecer e estivemos en Pontevedra (a nave) e en Cabo Udra. A parte da nave pretende crear un ambiente frío, baleiro, onde a xente ao principio repite movementos un pouco artificiais… penso que ás veces a vida se desenvolve así, con movementos repetitivos sen moito sentido. Despois ao pararse a escoitar a música os seus corpos se liberan e xa é todo unha festiña.
Escribes as túas cancións tanto en inglés como en galego ou castelán. Pensas que non ten nada que ver o idioma coa mensaxe que queres transmitir?
NOOON! Penso que ten todo que ver. As linguas constrúen a realidade e tamén ao revés. O que pasa é que eu non escollo se me chanto a escribir en galego ou en inglés. Cando escribo en galego son máis precisa para dicir o que quero dicir, máis crúa pero menos sintética. Sexa como for, a miña perspectiva sempre vai ser dunha persoa da Galiza, aínda que escriba en inglés… esta é unha lingua que sempre estivo moi presente na miña vida, porque moitísima música da que escoitaba e escoito está cantada en inglés e a miña inquedanza non me deixa cantar unhas letras sen saber o que estou a dicir, por iso transcribía e traducía moitas cancións incluso de rap (que me levaba un chisco).
Fai uns meses estiveches actuando en México. Que tal estivo a experiencia?
Imaxina… nunca estivera en América e fun alá para cantarlles a miña música a quen quixera vir e escoitar… foi unha oportunidade impresionante para coñecer outra escena, outro feedback e outro xeito de funcionar. O público é moi agradecido, entende que estás a dalo todo no escenario, que estás a poñer a túa personalidade núa aí para elas, que non estás so para divertilas. México é incrible e Cidade de México é a segunda cidade máis poboada do mundo. De Viguiño alá… unha pequena diferencia.
O teu anterior traballo pódese atopar de maneira gratuita en Bandcamp, no que cada un pode aportar os cartos que queira. Que opinas da piratería dixital?
Son nova e xa crecín nun contexto onde as ventas físicas ían para abaixo. Os formatos cambian moi rápido e as artistas e plataformas adaptáronse as demandas sacando a música en dixital (con descarga libre ou máis barata que un formato físico). Como consumidora de música adoro tela dispoñible, o máis barata posible, en boa calidade… para isto o mellor é mercar o formato físico, polo menos para min que extravío mil arquivos dixitais na inmensidade dos discos duros ou do ordenador.
Que plans tes para este 2019?
Para min o máis importante, máis divertido e máis difícil é o directo. Cos varios formatos que levo (coa banda Elephants Yard, con Nahno Selectah e Laura Mercy, con Mr.Mou nun semiacústico de guitarra e Casiotone…) temos datas moi apetecibles e por varios lugares da península. Este ano conseguimos que a banda tan grande como é se mova lonxe e teño ganas de ensinarlle á xente o espectáculo potente que temos, conto cuns músicos con gusto e calidade sobresaíntes… Tamén vou facer uns cantos bolos teloneando a Dakidarría e vou estar en cidades que aínda nunca estiven… as cousas que fai a música son incribles e eu este ano como todos só penso en gozar moito!
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024