VIALIA
bannerPicnicSesions

Os vigueses Caldo, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf”

A banda local de folk Caldo é unha das finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf”, un certame musical para grupos e artistas que promove a Deputación da Coruña. A final terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón desta cidade o vindeiro 28 de novembro.

REVISTA ABRIL
Caldo ao rematar unha actuación en Mondo Club a comezos de ano | P. Cermeño

Hai un par de semanas anunciabamos que Caldo era unha das agrupacións locais galardoadas nos Premios Martín Códax da Música Galega, na categoría Folk, xunto con High Paw e a Orquestra América. Hoxe a noticia é que o trío formado por María Jorge ao violín, Anaïs Barbier á voz e pandeireta e Pedro Fariñas á guitarra e gaita é un dos finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf”.

Xunto con eles estarán á Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi. Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega, desde electrónica ata música tradicional . Formou parte do xurado como presidente Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais da xornalista e músico Xiana Arias Rego; a produtora Aitana Cuétara Yáñez; o músico Marcos Otero Payno; a xornalista Belén Regueira; e o músico Marcos Rodríguez Fontenla. Como secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 28 de novembro e que se emitirá tamén a través de ‘streaming’.

O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor de Silleda. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Mounqup, Bala, Familia Caamagno ou a artista local Su Garrido, entre outros