CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

O mestre e editor Manuel Bragado recibirá no HematoFesti o Premio de honra “Lenda do recreo”

Esta semana arranca a primeira edición do HematoFesti, un evento de literatura infantil e humor que pretende homenaxear á figura de Miguel Ángel López González, coñecido como O Hematocrítico, finado o pasado ano. Entre as moitas actividades programadas atopamos o sábado 9 ás 19:00 na Sede da Deputación o Premio de honra “Lenda do recreo” para Manuel Bragado, editor, mestre e escritor vigués moi ligado á literatura infantil e xuvenil e á súa cidade.

Manuel Bragado no Paseo de Afonso XII en 2020 | P. Vázquez

Nun evento xa de por si cargado de emoción como é o HematoFesti, a escritora e organizadora do festival Ledicia Costas recoñecía que un dos momentos máis especiais para ela é poder entregarlle o Premio de honra “Lenda do recreo” a Manuel Bragado, o editor que lle abriu as portas de Xerais: “Non é algo unicamente a título persoal, hai unha rede de profesionais da escritura que lle debemos agradecemento ao trato recibido por Manuel, á súa xenerosidade e o seu apoio. Este é un xeito de celebralo”, di a escritora na entrevista que lle fixemos como Viguesa do Mes na revista de novembro.

CAMELIAS NADAL

O propio Bragado tamén foi, en xaneiro de 2020, Vigues do Mes da nosa revista. Recoñecía daquelas que “o grande éxito do editor é que brillen os seus autores e autoras”, algo que aconteceu en moitas ocasións durante as tres décadas que traballou en Xerais, tanto como editor como de director. Algúns dos autores e autoras que brillaron tras o seu discreto labor foron Agustín Fernández Paz, Manuel RivasXosé Luís Méndez FerrínSuso de ToroMaría Xosé Queizán, Pedro FeijooManuel EstebanAntonio TizónXavier Queipo ou Xosé Cid Cabido. Non lle gusta considerarse a si mesmo como escritor, malia ter redactado centos de columnas sobre Vigo, cidade da que é un erudito, que se atopan agrupadas nos volumes Vigo, puro milagre (2019) e Vigo, abella da ribeira (2023).

Como vemos, Vigo ocupa unha posición privilexiada na súa obra. Para Bragado, Vigo é “a cidade amada. É o espazo no que 600.000 persoas tratamos de desenvolver as nosas vidas. Non ten máis. Para min non é un mito. Tamén é certo que somos fillos da memoria e da tradición e temos retos propios neste momento: (…) recuperar o liderado como cidade atlántica e portuaria, […] conformar un modelo de vida sostible… Retos que non teñen nada que ver cos 10.000 millóns de lámpadas LED e todas esas parvadas que monopolizan a axenda. Aquí sempre houbo unha efervescencia cultural en materia de belas artes, literatura, música, teatro…”. En definitiva, o mestre móstrase “esperanzado” co futuro pero desolado polo presente populista da súa querida cidade.

A escritora Iria Mesa, o poeta Lois Pérez e o grupo musical As Tareixas estarán presentes o sábado 9 ás 19:00 na sede da Deputación en Vigo para outorgarlle a Bragado o Premio de honra “Lenda do recreo”, que leva este nome en honor á colección de cómics do Hematocrítico ilustrados por Albert Monteys Leyendas del recreo. Preme aquí para consultar a ampla e variada oferta de actividades do HematoFesti entre os días 6 e 10 de novembro.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.