O mestre e editor Manuel Bragado recibirá no HematoFesti o Premio de honra “Lenda do recreo”
Esta semana arranca a primeira edición do HematoFesti, un evento de literatura infantil e humor que pretende homenaxear á figura de Miguel Ángel López González, coñecido como O Hematocrítico, finado o pasado ano. Entre as moitas actividades programadas atopamos o sábado 9 ás 19:00 na Sede da Deputación o Premio de honra “Lenda do recreo” para Manuel Bragado, editor, mestre e escritor vigués moi ligado á literatura infantil e xuvenil e á súa cidade.
Nun evento xa de por si cargado de emoción como é o HematoFesti, a escritora e organizadora do festival Ledicia Costas recoñecía que un dos momentos máis especiais para ela é poder entregarlle o Premio de honra “Lenda do recreo” a Manuel Bragado, o editor que lle abriu as portas de Xerais: “Non é algo unicamente a título persoal, hai unha rede de profesionais da escritura que lle debemos agradecemento ao trato recibido por Manuel, á súa xenerosidade e o seu apoio. Este é un xeito de celebralo”, di a escritora na entrevista que lle fixemos como Viguesa do Mes na revista de novembro.
O propio Bragado tamén foi, en xaneiro de 2020, Vigues do Mes da nosa revista. Recoñecía daquelas que “o grande éxito do editor é que brillen os seus autores e autoras”, algo que aconteceu en moitas ocasións durante as tres décadas que traballou en Xerais, tanto como editor como de director. Algúns dos autores e autoras que brillaron tras o seu discreto labor foron Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, María Xosé Queizán, Pedro Feijoo, Manuel Esteban, Antonio Tizón, Xavier Queipo ou Xosé Cid Cabido. Non lle gusta considerarse a si mesmo como escritor, malia ter redactado centos de columnas sobre Vigo, cidade da que é un erudito, que se atopan agrupadas nos volumes Vigo, puro milagre (2019) e Vigo, abella da ribeira (2023).
Como vemos, Vigo ocupa unha posición privilexiada na súa obra. Para Bragado, Vigo é “a cidade amada. É o espazo no que 600.000 persoas tratamos de desenvolver as nosas vidas. Non ten máis. Para min non é un mito. Tamén é certo que somos fillos da memoria e da tradición e temos retos propios neste momento: (…) recuperar o liderado como cidade atlántica e portuaria, […] conformar un modelo de vida sostible… Retos que non teñen nada que ver cos 10.000 millóns de lámpadas LED e todas esas parvadas que monopolizan a axenda. Aquí sempre houbo unha efervescencia cultural en materia de belas artes, literatura, música, teatro…”. En definitiva, o mestre móstrase “esperanzado” co futuro pero desolado polo presente populista da súa querida cidade.
A escritora Iria Mesa, o poeta Lois Pérez e o grupo musical As Tareixas estarán presentes o sábado 9 ás 19:00 na sede da Deputación en Vigo para outorgarlle a Bragado o Premio de honra “Lenda do recreo”, que leva este nome en honor á colección de cómics do Hematocrítico ilustrados por Albert Monteys Leyendas del recreo. Preme aquí para consultar a ampla e variada oferta de actividades do HematoFesti entre os días 6 e 10 de novembro.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- A serie de animación ‘Bibopalula’ chega para facer bailar e cantar aos máis pequenos - 2 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024