bannerCulturgal

O Cine Imperial da Ramallosa recibirá o Premio Honorífico do Primavera do Cine

A organización quere destacar entre os principais motivos da concesión deste ano ao Cine Imperial a súa continuidade no sector da exhibición, a sua lonxevidade como sala cinematográfica de referencia e a calidade da súa actual programación. Desde a primeira edición do festival, a mención honorífica supón un recoñecemento a un profesional ou institución pola súa traxectoria ligada ao cinema en Galicia.

O 1 de febreiro de 1948 o Imperial abría as súas portas da man de Latino Salgueiro Espinosa. Dende ese momento e ata os nosos días, milleiros de títulos pasaron pola súa pantalla e varias xeracións de espectadores polas súas butacas. O Imperial viviu os tempos de bonanza onde as salas se multiplicaban, ofrecendo programas dobres. A partir dos anos oitenta, a meirande parte das salas foron pechando paulatinamente, sendo derrubadas ou reconvertidas para outras actividades económicas.

O Imperial sobreviviu á aparición dos multicines e ao mercado de alquiler de VHS. Continuou adiante, asistindo ao traslado da actividade ás grandes áreas comerciais, á aparición da tecnoloxía dixital e aos novos formatos de consumo televisado. Hoxe en día, ás fillas de Latino Salgueiro, manteñen o Imperial ofrecendo unha programación sustentada no cinema de autor e en títulos de referencia internacional.

A través deste premio, o festival pretende render homenaxe a un dos sectores máis azoutados pola crise do covid: a exhibición cinematográfica, e promocionar o regreso ás salas de cine como unha das actividades culturais e de ocio máis seguras e proveitosas. A entrega do premio terá lugar o domingo 20 de setembro nunha gala de clausura de carácter gratuíto e aberta a todo o público, onde tamén se entregarán o resto de premios das categorías en sección oficial: longametraxe, curtametraxe e videoclip. A gala estará conducida pola actriz Deborah Vukusic e o actor Adrián Ríos.

A programación comeza este martes 15 tanto no Auditorio Municipal como no MARCO, ambas sesións ás 18:00. Se queres consultar toda a programación de curtas, longas e actividades paralelas, podes premer aquí.

bannerAfundacion
Compartir
X