VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo»

Hai un ano a vida golpeaba duramente a Ledicia Costas Álvarez (Vigo, 1979) coa repentina morte da súa parella, o escritor coruñés Miguel Ángel López González, coñecido como O Hematocrítico. En contraste con isto, a tamén escritora atravesa un dos seus mellores momentos profesionais, e sorprendeu a todo o mundo coa creación do HematoFesti, un evento dedicado aos dous motores da vida de Miguel: a literatura infantil e o humor.

Ledicia Costas | P. Vázquez

Todo naceu a fío dunha viaxe que fixemos Hemato e mais eu canda Alberto Vázquez a un festival italiano de literatura infantil e ilustración que se chama Tuttestorie. Entón Alberto, que dirixe Imaxinaria, o festival internacional de animación da Coruña, propúxonos organizar un festival de literatura infantil en Vigo, aproveitando todas a xente que coñecíamos e, segundo el, o ben considerados que estabamos. A verdade que é bonito darlle á sociedade parte do que un vai recollendo, así que volvemos de Italia coa idea de organizar un festival de literatura infantil en Vigo organizalo. Que pasou? Que Hemato morreu. Entón había dúas opcións: non facer nada ou reformulalo. Falei con Alberto e decidimos organizar o festival, xa non só de literatura infantil, senón tamén de humor, porque eran os dous piares fundamentais que cruzaron a vida de Hemato. Esta primeira edición quixemos que fose unha homenaxe; aínda que sempre vai levar o seu nome, quixemos debutar cunha gran gala para celebrar a amizade, porque toda a xente que vén ao festival son amigos e amigas nosos, grazas a que Hemato se cruzou nas nosas vidas.

Temos un equipo humano extraordinario. Llerena e Matilde son os pulmóns deste festival, agarraron a produción do evento e puxérono a andar. Pero somos un equipo grande, tamén están  Noel Ceballos e Nus Cuevas, que son os que levan o apartado do humor. Xuntámonos un grupo de xente que tiñamos en común a Miguel e que conformamos unha rede de amizade. Así foi como se conseguiu.

É que Berto era amigo de Miguel. Hemato estivo no show La Ruina hai dous anos. Atopeime con Juan Aguirre, de Amaral, nun tren de Ourense a Madrid e puxémonos a falar; comenteille o que estabamos organizando e el díxome que eles tiñan que estar. Foi así con todo o mundo, era algo que non había que pedir, comentábalo e a xente sumábase automaticamente.

«Esta cidade merecía algo como este festival»

Se o pensas ben, o gran motor da literatura infantil é o humor. Para min, o humor é o pegamento para todo, e poñendo a figura de Miguel no centro é moi sinxelo defender isto. É un autor con cincuenta obras de literatura infantil publicadas e o humor era un dos piares da súa vida, facía humor para o público infantil, pero tamén para público o adulto; traballou como guionista para programas como Los felices veinte, Drama en el portal ou El Hematocrítico de arte. Ademais é algo innovador, porque non existía un festival con estas características.

Totalmente. Aos escritores que facemos literatura infantil adoitan mirarnos por riba do ombro e parece que a xente que fai humor nunca se acaba de tomar en serio. Pero tanto o humor como a literatura infantil forman parte do mainstream, polo que para min a idea resultaba moi atractiva. Como se poden ter por «categorías menores» cando o humor e a infancia moven o mundo?

A medida que imos facendo anos, esquecemos que temos a posibilidade de rir. A literatura infantil está chea de humor. É difícil atopar unha obra humorística para o público adulto, algo que provoque gargalladas sen complexos; parece que todo ten que ser superserio para ter prestixio. O certo é que facer rir é moi difícil, pois corres o risco de escorregar e caer no intento.

Ledicia Costas | P. Vázquez

Si, para min era importante que esta homenaxe se fixese aquí, que é onde pasamos estes anos da nosa vida. Tamén porque é a miña cidade e porque eu confío na cultura sobre todas as cousas e pensei que a cidade de Vigo merecía algo así.

Hai moitos espazos, por exemplo o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que é unha iniciativa extraordinaria, ou Culturgal, que se celebra anualmente tamén en Pontevedra. A rede de Bibliotecas Municipais da Coruña funciona de maneira envexable. Aquí en Vigo, a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, entre outras, ten unha programación constante e hai librarías que fan sesións de contacontos e outras actividades. Pero nunca é suficiente, somos moita xente e sempre hai oco para facer máis cousas.

Hai grandes profesionais, xente que vén do mundo da oralidade, que fan sesións de contos que son unha fantasía; xente do mundo do teatro, artistas que fan música para a cativada, contacontos para bebés… Oferta hai moitísima e hai grandísimos profesionais que sempre enchen. Temos xente de primeiro nivel como Paula Carballeira. Un evento coma este tamén é unha oportunidade para darlle visibilidade a estes artistas e que demostren en público o que teñen.

«No dó abraceime máis que nunca ás ganas de crear»

Hai varias, pero hai unha que é o premio de honra Lenda do Recreo para Manuel Bragado que para min é emocionante, porque el foi o meu primeiro editor, quen me abriu as portas de Xerais. E non é algo unicamente a título persoal, hai unha rede de profesionais da escritura que lle debemos agradecemento ao trato recibido por Manuel, á súa xenerosidade e o seu apoio. Este é un xeito de celebralo.

A confianza foi total e abafadora de todas e cada unha desas administracións que acabas de nomear. En todos os casos, foi facer a proposta e recibir un si. Eu, de feito, fago a broma de que Hemato personifica a democratización pura, porque por unha vez todo o mundo está de acordo en que había que sacar isto adiante. Supuxo unha grande ilusión contar con todas esas administracións desde o primeiro momento.

É unha iniciativa que se denomina «Pequenos Xigantes da Lectura», que leva anos facéndose en Francia e que desde hai dúas edicións se celebra tamén no marco da Feira do Libro de Madrid. É un certame de lectura en voz alta no que participan decenas de escolares de todo o Estado. Este ano, ao abeiro do HematoFesti, vai haber un impulso para que na feira literaria de Madrid haxa unha nena ou un neno lendo un anaco dun libro galego en galego. É dicir, imos introducir a literatura infantil galega e a lingua galega na Feira do Libro de Madrid a través desta iniciativa.

Ledicia Costas | P. Vázquez

Foi un éxito! Presentáronse máis de cen traballos. Víctor Mascato de Triqueta Editora, que é a entidade que convoca o premio, informoume de que hai traballos de gran calidade procedentes de toda España, con propostas estéticas moi interesantes. O gañador faise público durante o festival, onde se entrega o premio de 5.000 euros. Despois Triqueta ponse en marcha para que ese libro se publique en castelán, catalán, éuscaro e galego.

Supoño que teño unha mente inquieta, non son quen de estar parada e necesito canalizar a creatividade. A verdade é que estando nun momento emocional tan delicado, un ano atravesado polo dó, abraceime máis que nunca ao traballo e ás ganas de crear. Quería facer algo bonito con algo tan terrible como é a morte, conseguir sacar beleza de aí. Iso foi o que me motivou durante todo este ano.

Percibín que moita xente empezou a coñecerme a raíz da publicación deste libro. Conseguín chegar a público novo, que para min era un reto. Ademais, esta novela era un punto de inflexión literario, porque abrín a porta da fantasía e o terror para o público adulto e quero seguir explorando esa vía, que para min resulta atractiva e enriquecedora.

Ledicia Costas | P. Vázquez

Paralelamente a todo isto, nestes meses rematei un proxecto do que aínda non podo falar; escribín para o público infantil unha cousa ambiciosa. E tamén acaba de saír Porquelandia,o meu primeiro xogo infantil, que consiste nunha baralla de cartas que fixen en colaboración co ilustrador Iván R. Despois do festival, xa me poderei pechar uns meses e poñerme a escribir unha nova novela para o público adulto, porque ademais xa teño claro o que quero facer. Xa vén de camiño a sexta entrega da da serie Os Minimortos, e a terceira de Curriño. A máquina ten que seguir producindo e a vida continúa.

Penseino moitas veces e paréceme que estaría emocionadísimo, non o podería crer. Penso moitas veces na cara que poría e non daría crédito do que organizamos: polo prazo en que o fixemos, pola implicación que falabamos antes, pero tamén pola cantidade de xente amiga que decidiu achegarse a Vigo para renderlle a homenaxe que merece. Hemato estaría abraiado.

Xa estamos barallando nomes e propostas para a edición de 2025. Abofé que isto nace con vocación de continuidade. Xa houbo propostas que tivemos que colocar para o ano, porque xa non entraban na programación. Penso que vai haber HematoFesti para moito tempo.

Ledicia Costas | P. Vázquez

Tamara Novoa
Editora

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.