VIALIA
PLAYDOC

O máis lido de 2023 en A Movida

Como cada ano por estas datas traemos unha lista con algúns dos artigos que máis vos interesaron ao longo deste 2023. Grandes concertos, pequenos festivais, festas populares, historia, colexios públicos e plans para o verán son algunhas das temáticas que atopamos neste Top 10. Preme no título de cada artigo para consultalo.

1- Os mellores colexios públicos de Vigo segundo os seguidores de A Movida

A educación dos máis pequenos foi o tema que máis interese espertou. Elexir o centro educativo ao que van acudir os nosos fillos e fillas non é unha tarefa doada. Por iso, a comezos de ano, preguntamos aos nosos seguidores cales eran os mellores colexios públicos da cidade, e dous foron os que máis votos recibiron: CEIP Emilia Pardo Bazán e CEIP Balaídos.

2- Concerto de Guns N Roses en Balaídos

Como non podía ser doutro xeito, o macroconcerto de Guns N Roses en xuño en Balaídos foi un dos temas do ano. Tanto o concerto en si (de máis de tres horas de duración) como, especialmente, toda a polémica que houbo arredor entre Concello e promotora (con ameaza de cancelación incluída) deron para falar longo e extenso sobre a primeira visita da banda californiana a terras galegas. O problema da licitación e a súa suposta ilegalidade tamén avivaron o debate sobre ata que punto é ético gastar esas cantidades de cartos públicos en espectáculos deste tipo.

3- Noite branca en Vigo: os museos trasnoitan con música, obradoiros e visitas guiadas

A gran cantidade de visitas que tivo este artigo sobre a Noite Branca, o día de agosto no que os museos abren as súas portas de xeito gratuíto ata a madrugada e complementan as súas exposicións con concertos, obradoiros e actividades especiais, fai supoñer que si existe un interese xenuíno da cidadanía pola arte e os museos.

4- Nove días de festa para celebrar a Reconquista

A Reconquista é posiblemente a festa favorita dos vigueses e viguesas, polo que non é de extrañar que figure nesta lista. Entre os diversos contidos que fixemos sobre esta celebración popular que se celebra en marzo tiveron especial acollida a programación dos nove días e unha guía na que explicabamos diversos aspectos relevantes, como quen a organiza, como ir vestidos ou algúns datos históricos.

5- O Castro estrea túneles, patio de armas e polvoreira

A fortaleza do Castro é un dos emblemas da cidade, polo que todo o que as rodea é un acontecemento. Tanto os cambios que se acometeron en 2020 como, agora, o acondicionamento dos túneles subterráneos chamaron moito a atención dos cidadáns. En maio comezaron as visitas guiadas por estes pasadizos, pero foi en setembro cando se estreou todo o percorrido, co patio de armas e a polvoreira incluídos.

6- Plans de verán: chiringuitos e noite de San Xoán

Dous dos eventos máis populares en verán son a noite de San Xoán e acudir aos chiringuitos das praias. Sabedores disto, fixemos dous artigos con dous mapiñas onde podiades localizar facilmente tanto as fogueiras e sardiñadas como algúns dos chiringuitos máis relevantes de Vigo e a contorna. Semella que foi boa idea, porque ambos artigos figuran entre os máis consultados do ano.

7- Festivais pequenos: Solpor Monteferro e Picnic Sesións

Non deixa de resultar curioso que, coa de grandes eventos musicais que houbo este verán, os máis consultados na nosa web fosen dous festivais de pequeno formato. O Solpor Monteferro, un dos festivais con mellores vistas de Galicia, estreou formato programando concertos dúas fins de semana, en xullo e agosto. Pola súa banda, Picnic Sesións celebrouse en Saiáns a principios de setembro, con algún contratempo meteorolóxico. Polo seu escenario pasaron as bandas locais Aphonnic, Los Pontiaks, Zalomon Grass, Zeltia Irevire e The Mirror.

8- Sondeseu homenaxea a Rodrigo Romaní

Foi o 15 de xuño cando o Teatro García Barbón acolleu o concerto da orquestra folk SonDeSeu que serviu como homenaxe e reinterpretación da obra de Rodrigo Romaní, figura clave do folclore galego e director durante 21 anos desta formación.

9- A cara B do himno do Celta

REVISTA ABRIL

E xa que falamos sobre Rodrigo Romaní, o músico tamén tivo algo que ver no famoso himno do centenario do Celta, composto por C. Tangana. En xullo publicamos un artigo onde falamos con algúns persoeiros que traballaron no proceso de creación desta obra, tanto musical como audiovisual. Eles son o escritor Pedro Feijoo, a actriz Marta Larralde e o propio Rodrigo Romaní. A día de hoxe ‘Oliveira dos cen anos’ ten máis de tres millóns de reproduccións en YouTube e máis de 4,6 millóns en Spotify.

10- Castrelos albergará 9 dos 12 concertos prometidos por Caballero

Non podían faltar os concertos de Castrelos nesta recopilación. Malia que o alcalde de Vigo Abel Caballero adiantou que este ano habería sobre doce concertos “excepcionales” en Castrelos, o Concello pechou o cartel con nove actuacións (sendo unha delas a da Coral Casablanca, que ten lugar todos os anos). Máis aló de gustos particulares, a programación adolecía de falta de variedade: máis da metade dos concertos poderían agruparse baixo a etiqueta de pop latino. Tamén chamou especialmente a atención a cantidade cobrada polo DJ francés David Guetta: 930.000 €.