REVISTA ABRIL

Noite branca en Vigo: os museos trasnoitan con música, obradoiros e visitas guiadas

Os museos de Vigo celebran a Noite Branca o venres 18 de agosto. Unha festa internacional na que os museos abren as súas portas de xeito gratuíto ata a madrugada e complementan as súas exposicións con concertos, obradoiros e actividades especiais.

Concerto diante do Museo MARCO | Paula Cermeño

A Noite Branca en Vigo celébrase o venres 18 de agosto con xornadas de portas abertas gratuítas en todos os museos da cidade, que ademais ofrecerán visitas guiadas ás súas exposicións ata as dúas da mañá.

Ademais da entrada gratuíta e as visitas guiadas á rede museística, levarase a cabo o programa O Triángulo da arte, que presenta propostas vangardistas e creativas de música e artes escénicas na porta dos museos, ao aire libre e achegando a creación contemporánea á cidadanía. Este triángulo terá os seus vértices no Museo MARCO, Pinacoteca e Casa das Artes.

Para os que busquen involucrarse nos procesos creativos, o Verbum acollerá nove obradoiros de diferentes disciplinas, desde stop motion a collage ou voz.

Esta é a programación complea da Noite Branca en Vigo:

Pazo de Castrelos Quiñones de León

O horario de visitas amplíase ata as 2h da mañá. Máis información sobre o museo aquí.

20h, 23h, 24h e 1h – Visitas guiada ao pazo e os xardíns históricos que datan de finais do século XIX.

20h, 22h, 24h e 1h – Visita á sala de arqueoloxía, que abarca desde o paleolítico ata a romanización. Cóntannos como era a vida no Vigo primixenio e os seus arredores: como pescaban, que comerciaban, a que deuses adoraban e como enterraban aos seus mortos.

21h – Recital lírico con voz e piano no atrio do xardín dianteiro A auga na poesía e a música en Galicia. Interpretado por Susana de Lorenzo, soprano, e Alejo Amoedo, piano.

Pazo Quiñones de León | Pablo V.

Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

Ampliación do horario ata as 2h da mañá. Máis información sobre o museo aquí.

19:30h, 22h, 23h e 24h – Visita guiada á exposición Pinceladas do esquecemento. Elina Molins e Blanca Chao. Cerca de 40 lenzos presentados baixo unha mirada actual e contemporánea; poñendo en valor ás dúas pintoras do século XIX, facéndoas accesibles á mesma comunidade que as viu nacer un século antes.

21h e 23h – Visita guiada á exposición Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte
galega
que homenaxea ao ilustre intelectual galego polo seu décimo cabodano.

24h e 1h – Visitas guiadas á exposición A Nova Colección Colmeiro. Colección de 21 óleos e 145 obras sobre papel de Colmeiro cedida polos herdeiros do pintor en 2017.

O TRIÁNGULO DA ARTE: Actuacións no exterior da Pinacoteca FFR.

20:35h – Concerto de Aquiles Navarro. Performance-concerto de free latin jazz en solo trompeta do músico panameño afincado en Noya York e membro dos Irreversible Entanglements.

21h – Recital de Isolda Comesaña. Poeta viguesa. Unha das novas e potentes voces da literatura galega.

Casa das artes

O museo amplía o horario de visitas ata as 2h.

A casa das artes conta cunha colección permanente que pódese consultar aquí. Agora mesmo ten tamén a exposición Laxeiro, paisaxes de adolescencia, que ilustra o momento no que o artista , acabado de chegar de La Habana, aínda andaba á procura dunha mirada propia.

O TRIÁNGULO DA ARTE: Actuacións na entrada da Casa das Artes.

21h – Colectivo POETRY+AI=ART. Colectivo de creadores e tecnólogos galegos. Formado por Ismael Faro, Mariel Martínez e Marcos de la Fuente. Poesía transformada en arte dixital a través da Intelixencia Artíficial e a programación en código. Poesía 3.0 e Videopoesía proxectada nas paredes da sala central.

21:30h – Juanma Lodo. Artista e investigador visual que mistura son e videoarte, deconstruíndo o concepto de peza de arte visual a través do video mapping.

22h – Marcia Vazquez presenta Vaivén. A artista viguesa preséntanos unha peza escénica de danza contemporánea. Un paseo polas lembranzas de todo o que rodea ó mar en Galicia.

Verbum

O museo amplía o horario ata as 2h para ver a súa colección permanente.

22:05 – Yolanda Castaño presenta Idioma da tinta. A poeta galega e dinamizadora cultural, presenta o seu proxecto poético / musical.

24:00 h – Concerto de LAW. A artista multidisciplinar de Coia combina nas súas composicións influencias do R&B, Hip hop, Soul

VERBUM CREATIVO: Obradoiros prácticos para os que é necesario reservar praza ata o venres 18 nos teléfonos 986 240130 e 619 948 920 ou no correo electrónico reservas. a prmvigo@gmail.com.

OBRADOIROS DE MÚSICA

“Medievalízate”. Horario: 20:00. Máximo: 20 persoas.
Montaxe dunha peza medieval con instrumental Orff acompañado a instrumentos medievais: órgano portativo, cítola e vihuela de péñola.

“Festa pavana”. Horario: 21:00. Máximo: 20 persoas
Montaxe dunha danza renacentista (pavana) acompañada de instrumentos de época: vihuela e frauta de bico.

Recomendación para ambos obradoiros: opcional traer frauta doce e/ou un instrumento de percusión.
Idades recomendadas: todas as idades.
Imparten: Irma Fernández e Juan Manuel Vázquez.

OBRADOIRO DE DANZA: “Dame unha palabra e facemos un poema”. Horarios: 20:00 e 21:00. Máximo: 20 persoas
Xogo de topar palabras de xeito aleatorio que logo se porán en común para dar forma a un poema breve dende un pulso común, a expresión do corpo e a voz.
Idade mínima: a partir de 8 anos.
Imparten: Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez.

OBRADOIRO DE VOZ: “Desconcerto de gritos”. Horarios: 20:00 e 21:00. Máximo: 30 persoas
Interpretación e composición espontánea: persoas gritadoras presentes para coro e
solistas.
Idade mínima: a partir de 3 anos.
Imparte: Mónica de Nut.

OBRADOIRO DE CIANOTIPIA: “Un raio de sol”. Horarios: 20:00 e 21:00. Máximo: 10 persoas
Obradoiro de cianotipia, procedemento fotográfico monocromo que consigue unha copia negativa do orixinal nunha cor azul de Prusia, chamada cianotipo.
Idade mínima: a partir de 10 anos.
Imparte: Lidia Avendaño.

OBRADOIRO DE COLLAGE: “A cara do teu retrato”. Horarios: 22:30 e 23:30. Máximo: 15 persoas
Collage a través de recortes de ollos, bocas, orellas, etc. para a creación de rostros inhóspitos e personaxes de conto.
Idade mínima: a partir de 5 anos.
Imparte: Lidia Avendaño.

OBRADOIRO DE TEATRO: “Interfamilias”
Obradoiro de teatrocondinámicas de grupo baseadas en xogos teatrais de interacción e relación xeracional entre os asistentes, así como de xogos de interpretación e composición corporais, vocais e nemotécnicos.
Idades: de 10 a 16 anos.
Imparte: Fran Paredes

OBRADOIRO DE PINTURA: “Un xardín de luz”. Horarios: 22:30 e 24:00. Máximo: 15 persoas.
Construción dun xardín de luz coas plantas que vinculen a emocións e recordos, ben sexa coa súa forma debuxada ou con palabras de textos que lembren e que teñan sido emocionantes para eles.
Idades: de 7 a 15 anos.
Imparte: Pilar Alonso.

OBRADOIRO DE ANIMACIÓN EN STOP MOTION . Horarios: 22:30 e 24:00. Máximo: 8 persoas
Creación dunha peza audiovisual de animación coa técnica de Stop-motion coa que os participantes recibirán os coñecementos básicos de narrativa, produción cinematográfica e técnicas de animación para poder elaborar a curta de animación.
Idades: de 12 a 16 anos.
Imparten: David Hernández e Alex Penabade.

MARCO

REVISTA ABRIL

Nesta noite especial, o MARCO estende o seu horario de apertura ata as 2h da madrugada. O público poderá coñecer ou afondar nos contidos das exposicións e sumarse ás visitas guiadas, que amplían a súa frecuencia e horarios.

Neste momento o museo ten abertas dúas exposicións: Pittore, de Lluís Lleó e Cuando acabe el día, de Concha Martínez Barreto.

TRIÁNGULO DA ARTE

20:05 a 24 – Vanesa Álvarez e Arantxa X. Rodríguez. A artista viguesa estará facendo un live painting en cubos grandes de gran tamaño coa artista mexicana Arantxa Rodríguez.

22h – 2Pas0s. DJ set de músicas do mundo.

23h – Pólvora feat. Sheila Blanco. Marcos de la Fuente, David Fermoselhe e 2Pas0s forman Pólvora, banda viguesa que
mistura música electrónica con instrumentación en vivo e spoken word. Nesta ocasión estarán acompañados da cantante salmantina Sheila Blanco.

24:00 2Pas0s. dj set de música para bailar. Fin de festa.