ASNEVES
REVISTA MAIO

Castrelos só albergará nove dos doce concertos prometidos por Abel Caballero

[ACTUALIZACIÓN: O concerto de Beret na Finca da Marquesa pasa do 5 ao 22 de agosto]

Malia que o alcalde de Vigo Abel Caballero adiantou que este ano habería sobre doce concertos “excepcionales” en Castrelos, o Concello da por pechado o cartel coas nove actuacións anunciadas ata o momento. A día de hoxe, a menos de dúas semanas do comezo, tamén se descoñece cando sairán á venda as entradas e a que prezo.

DESCARGA EN BOA CALIDADE ESTA IMAXE PREMENDO AQUÍ

Non por esperada deixa de ser un tanto decepcionante. A programación de concertos de Castrelos non chegará aos dous díxitos, tal e como prometeu o alcalde de Vigo Abel Caballero. Mesmo chegou a asegurar, en 2022, que habería “de 12 a 15 grandes concertos” para este verán. Deste xeito, o auditorio vigués presenta un dos carteis menos variados dos últimos anos, con só dous nomes internacionais (Andrés Calamaro e David Guetta) e varios artistas de nivel medio (Beret, Ana Mena…).

Estes días tamén se fixo pública a lista de artistas (e os seus inchados cachés) que distintas promotoras ofreceron ao Concello para estas festas de verán, con propostas como Quevedo (520.300€), Antonio Orozco (sobre 160.000€), Sidecars (108.000 €), Luis Fonsi (160.000 €), SFDK + Nach (61.500 €) ou Pignoise (82.000 €). Tamén as galegas Luz Casal (120.000 €) e de novo Tanxugueiras (80.500 €). A única oferta desta lista que finalmente aceptou o goberno local foi David Guetta, por 930.000 €, converténdose no concerto de Castrelos máis caro dos últimos anos.

España, e en concreto Galicia, teñen fama de pagar polos artistas moito máis do que realmente valen, feito do que se aproveitan moitas promotoras. Isto acontece en especial, segundo relata o xornalista Nando Cruz no seu libro Macrofestivales. El agujero negro de la música, cando paga unha Administración. Esta subida de prezos para enganar a quen non sabe sobre a industria musical é a chamada “tarifa do concelleiro”.

Sorprende a pouca variedade do cartel, onde o pop latino gaña por goleada ao resto de xéneros musicais. Estilos como o rock, blues, country, rap, músicas do mundo, soul, reggae, garage, punk ou metal practicamente non están representados nunha iniciativa financiada con cartos públicos e dirixida a toda a cidadanía. Como era de esperar, as bandas locais e galegas brillan pola súa ausencia agás polo clásico recital da Coral Casablanca; e continuamos sen noticias do festival pantasma Rock in Vigo.

A lista definitiva queda deste xeito:

CONCERTOS CASTRELOS

  • 8 xullo: Andrés Calamaro
  • 15 xullo: David Bisbal
  • 24 xullo: Pablo López
  • 27 xullo: Alejandro Sanz
  • 29 xullo: Coral Casablanca
  • 10 agosto: Bad Gyal
  • 15 agosto: Ana Mena
  • 20 agosto: David Guetta
  • 22 agosto: Beret

ESPECTÁCULOS INFANTÍS

  • 12 xullo: ‘Pinocho’
  • 19 xullo: ‘La ratita presumida‘ de La Murga Teatro
  • 26 xullo: ‘La Rayuela‘ de Martina y los Supersingers
  • 2 agosto: ‘El libro de la selva‘ de El Molino
  • 9 agosto: ‘Tarzán, el musical‘ de Rodetacon Teatro
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.