Feminismo de base
Acotío, pedímoslle á rapazada que sexan persoas sensibles e respectuosas pero despois non atopan espazos para expresar as súas emocións e non se respectan os seus procesos. Sabes cal pensamos que é a mellor maneira de educar?
Practicando o feminismo.
Enchendo os nosos días de igualdade na escola e na casa, nos xogos, nos roles e actitudes, para desbotar o xénero a través do exemplo e desmontar o patriarcado. As tarefas na casa son as mesmas para facermos toda a familia e as amizades non entenden de xénero, non son as crianzas quen segregan e podemos axudarlles niso. Os nenos choran e as nenas non se poñen feas cando o fan. Non hai cousas de rapaces ou rapazas, e todas as cores son igual de fermosas ou non: porque non teñen xénero. A nosa calidade como sociedade pódese medir na nosa capacidade para axudar a cadaquén a ser e a facer o que lle gusta, sen censurar, condicionar ou dirixir. Acompañando desde o respecto, forxando a autoestima sen buscar a aprobación de ninguén para empoderarse, e onde a beleza non se atope un chanzo por riba da intelixencia. O respecto ensínase coas lentes violetas do feminismo; só desta maneira as xeracións vindeiras non dubidarán se un non é non.
Neste labor cabe destacar a iniciativa que levou a cabo un grupo de alumnos do IES Alexandre Bóveda, o Comando Igualdade, co obxectivo de sensibilizar a mocidade sobre a igualdade real e necesaria entre homes e mulleres para acadar un mundo máis xusto e humano. Así o reflicten no seu libro Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas! Chis Oliveira e Priscila Retamozo. Profesora e antiga alumna relatan os primeiros pasos deste movemento feminista a partir da visibilización dos traballos non-remunerados da muller, no proxecto Bata, que foi punto de partida para as xuntanzas do Comando onde a rapazada debate para empoderarse, detectar as machiruladas e conectar sobre o enfrontamento continuo ao que nos expón o patriarcado (hipersexualización, bodyshaming, xénero e identidade etc.) e xerar e compartir recursos, recollidos no libro, para desmontar o machismo e botalo fóra das aulas. Unha obra editada por Catro Ventos Editora, con sede na nosa cidade, e que traballa unha marcada liña de lecturas conscientes (moitas feministas), con títulos como Desamarmos o capitalismo. O amor como acción política (na rúa desde o pasado 21 de febreiro), unha obra pioneira no uso da linguaxe inclusiva na Alemaña e agora en Galicia, dispoñible en librarías, puntos de
venda directa ou na súa web (catroventos.gal).
Así mesmo, e meténdonos de cheo en temática literaria, esta editora recoméndanos máis libros deste eido como a banda deseñada A froita do coñecemento, o libro colectivo Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais ou o manifesto Feminismo para o 99%, publicado antes en galego ca o seu orixinal inglés.
cantroventos.gal | IG: @catroventos | FB: catroventoseditora
Lourdes Tomé
Redactora
Últimos posts de Lourdes Tomé (ver todos)
- Mobility Kids: a mobilidade como centro da saúde - 10 Xullo, 2023
- Kids&Us, inglés desde o primeiro - 22 Xuño, 2023
- Un verán no xardín - 5 Xuño, 2023
- Nubes Blancas, actividades estivais adaptadas aos máis pequenos - 24 Maio, 2023
- La Fábrica Fotografía: comungando cos recordos - 14 Abril, 2023