REVISTA ABRIL

Galaxia presenta un libro sobre o feminismo de Emilia Pardo Bazán

Marilar Aleixandre e María López Sández son as autoras de ‘Movendo os marcos do patriarcado’ o último título da colección Galaxia ‘Feminismos’. Un libro que enxalza a figura de Emilia Pardo Bazán como feminista.

REVISTA ABRIL
María López Sández, Alberto Núñez Feijoo e Marilar Aleixandre na presentación de Movendo os marcos do patriarcado.

A Emilia Pardo Bazán debemos, entre moitas outras cousas, que os asasinatos das mulleres se lles chame así ou se fale de mullericidios e non de crimes de honra ou crimes pasionais como se viña facendo no século XIX, explicou onte Marilar Aleixandre na presentación de ‘Movendo os marcos do patriarcado’. Aleixandre é, xunto a María López Sández, a autora deste libro no que se analizan as achegas de Pardo Bazán ao feminismo. Como explicaron as autoras na rolda de presentación do libro, que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo, Pardo Bazán foi fundamental na loita feminista por chamar as cousas polo seu nome e por ser capaz de identificar as súas causas.

A escritora coruñesa defendía a igualdade de dereitos e de obrigas entre homes e mulleres. Entre eses dereitos Aleixandre e López Sández reivindicaron o dereito ao pracer das mulleres, ao que moitas veces fixo referencia Emilia Pardo Bazán nos seus escritos. Tamén quixeron recalcar a necesidade de acadar a igualdade de deberes para que os coidados deixen de recaer sempre sobre o xénero feminino. E concluíron a súa intervención sinalando que, aínda que inacabada, a revolución feminista foi a única que conseguiu triunfar no século XX.

‘Movendo os marcos do patriarcado’ é o oitavo título da colección Feminismos de Galaxia impulsada no 2018 por Francisco Castro, actual director da editorial. Castro adiantou que no que queda de ano publicarán dous libros máis dentro desta colección. A publicación destes libros lévase a cabo co apoio da Xunta de Galicia e por ese motivo ao acto de presentación acudiu o presidente, Alberto Núñez Feijóo, quen adiantou que ao estarmos no centenario do pasamento de Pardo Bazán a Xunta realizará dous congresos internacionais sobre a súa figura e unha exposición na Biblioteca Nacional.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.