REVISTA ABRIL

En que fixarse á hora de escoller colexio

Os pais que nos enfrontamos por primeira vez á procura e elección do colexio temos poucas referencias nas que basearnos, e moitas veces o que facemos é mirar os rankings, preguntar a outros pais pola súa experiencia co centro ou basearnos nas posibilidades de acceso ou a proximidade ao fogar. Debemos de ter en conta que os nosos nenos pasarán alí un mínimo de 6 horas diarias, que nalgúns casos serán 8 ou mesmo máis. Podemos fixarnos en moitos aspectos á hora de escoller colexio e aproveitar as xornadas de portas abertas para tomar unha decisión.

Recordo que para min o horario era e segue sendo algo de vital importancia. Penso que se a min ou a calquera adulto cústalle levar unha xornada de 8 horas de traballo, por non dicir que todos preferimos xornadas continuas a partidas porque as xornadas partidas parécennos do peor por canto nos custa volver arrincar, non quero imaxinarme o que iso supón a un neno de 3 anos con todo o que esta etapa acarrea.

Pero esta elección é moi persoal e cada pai/nai debe decidir o que é mellor para o seu fillo/a. Máis aló de se hai docentes brillantes, hai que fixarse no conxunto e ver si o equipo está consolidado. Isto conséguese máis facilmente si a maior parte do persoal é fixo. Evitará que o noso fillo/a teña que cambiar de profe cada ano. É importante que traballen todos en consonancia, todos e todas por un mesmo fin, que sexa un equipo unido e que haxa bo ambiente. E algo que eu valoro moitísimo nos profesores é si realmente ven o seu traballo como, simplemente iso, un traballo máis, ou é pura vocación. Crédeme nótase moito a diferencia e á hora de educar máis.

Un aspecto moi relevante é tamén o proxecto educativo. Isto que é? Poderías ler toda a montaña de folios que o integran, pero non se trata diso senón de fixarse en que métodos utilizan para ensinar. Si traballan por recunchos, si traballan con fichas, si utilizan as novas tecnoloxías ou recursos educativos como o vídeo. Podes preguntar si realizan proxectos que fagan aos nenos os auténticos protagonistas da súa aprendizaxe e cales son ou cales teñen previstos, se utilizan unha aprendizaxe cooperativa…. É moita información seino e parece difícil pero non o é tanto. Tamén podes axudarte de internet ou redes sociais para indagar un pouco máis.

Outro aspecto a ter moi en conta é a filosofía do centro. Cales son os valores da escola. Non tería moito sentido matricular ao noso fillo nun colexio relixioso se non compartimos esa filosofía. Por moi bo que sexa o centro, chegará un momento que sentiremos que non encaixamos e para os nosos fillos non haberá coherencia entre o que se ensina na casa e o que se ensina no cole. Ademais disto, pódeche dar pistas preguntar se traballan a intelixencia emocional, a convivencia escolar, se pertencen a unha rede de centros que intercambian experiencias con outros centros, se fan saídas escolares…Os nosos pequenos estarán rodeados de persoas que terán o seu propio ideario e valores, cales che gustaría que tivesen?

Na visita, ademais, é fácil ver como “respira” o centro e os seus espazos. Fíxate se está decorado cos traballos dos alumnos e que tipo de traballos son (isto di moito), si é acolledor, seguro, como están distribuídas as aulas (mesas individuais, conxuntas, recunchos de xogo, mobiliario, materiais…). O mellor sería velo cos alumnos dentro pero isto non sempre é posible. Unha cousa é o que mostran ese día e outra a práctica diaria. Profesores que berran, nenos castigados no corredor. Só o día a día che confirma se se corresponde o que din co que fan.

Seguramente te falen da participación das familias coa escola. En coles con participación non se concibe ás familias como intrusas, senón como aliadas. Non se lles oculta información, ao contrario, enténdese que a mellor forma de educar é compartir criterios similares de educación. Aquí xogan un papel moi importante tanto as titorías periódicas como as AMPAs (Asociación de Nais e Pais de Alumnos), sempre é moi positivo se o centro conta con este tipo de asociacións.

En canto ás instalacións, se o colexio ten un patio amplo, un gran polideportivo ou unha lousa dixital poden ser elementos atractivos a primeira vista pero é mellor non deixarse levar só polo envoltorio. Por moi bonitas e modernas que sexan as súas instalacións, si dentro non hai un proxecto consolidado, nada garante unha boa educación acorde ás necesidades dos teus fillos. En Infantil é importante, ademais, que haxa unha aula de psicomotricidade, con paredes e chan adecuados e unha clase de música.

Outras características a ter en conta son:

A ratio de alumnos. Isto é o número de alumnos que cada profesor ten na aula. Na actualidade existen numerosas aulas masificadas e poucos profesores de apoio. Lembremos que o cociente permitida é de 25 alumnos por profesor no ciclo de 3-6 anos. Sempre que esta cifra tenda a menos mellor, a atención aos alumnos será maior, máis tranquila e máis personalizada.

Os idiomas. Que importancia lle dan? A palabra bilingüe parece estar de moda en moitos centros, pero o bilingüismo é a aprendizaxe de dúas lingua simultaneamente, e eu pregúntome é isto así en todos os centros ou simplemente queren dicir que se inician en inglés desde os 3 anos? (que ambas están ben, pero non hai que disfrazalo cunha palabra para que sexa máis rechamante). Por iso, máis que preguntar se teñen clases de inglés ou calquera outro idioma, podemos preguntar cantas horas de inglés teñen á semana.

O comedor escolar. É cociña propia ou catering? Persoalmente quédome coa primeira opción, pero aquí xa o deixo ao criterio de cada un. É interesante saber se está incluído ou cal é a cota diaria. O menú debería estar elaborado por un especialista en nutrición e estar libre de fritos ou ultra-procesados. Podedes pedir un exemplo do menú do mes anterior e ver a variedade ou o tipo de comida que ofrecen. Teñen persoal que lles axuda na hora da comida ou no manexo de cubertos? como xestionan ou controlan as intolerancias ou alerxias? Preguntádeo abertamente!

Servizo de autobús e aula matinal. Isto a priori pode non parecernos relevante, pero o é para que moitos pais poidan conciliar e xestionar os tempos de traballo-colexio da mellor maneira posible.

Material escolar e uniforme. Por norma xeral, as escolas públicas non teñen un custo tan elevado para material e o único uniforme que se necesita é o mandilón para os máis pequenos.

Gabinete psicopedagóxico. Cando calquera neno/a ten dificultades para falar, escribir ou necesita de clases de apoio, algúns centros contan con especialistas en audición e linguaxe, logopedas, mesmo pedagogos. Tamén é relevante o departamento de orientación e persoal auxiliar. Neste ámbito podemos preguntar como se atenden as dificultades na aprendizaxe? ou con que recursos humanos conta o cole?

Control de esfínteres. Que pasa se os nenos non controlan perfectamente esfínteres e algunha vez escápaselles o pis? Como todos sabemos hai nenos que empezan o colexio con dous anos e que, aínda que non teñen cueiro, porque así nolo recomendan (obrígannos), hai pouco tempo que o quitaron e aínda non o teñen dominado á perfección. Este tema preocupa moito aos pais que teñen pequenos nesta situación. En moitos centros cambian ao neno sen problema ou teñen persoal que se dedica a iso, pero noutros, máis dos que creemos, cando o neno se fai pis ou algo máis, chaman aos pais para que vaian cambialos. Por norma xeral deben deixar unha muda no centro para estes casos. A actitude e filosofía do centro debería ser un dos principais aspectos a ter en conta á hora de elixir colexio.

Adaptación. Un tema importante para os pais de alumnos que empezan por primeira vez. Veñan de escolas infantís ou non, todos necesitan un proceso de adaptación. Independentemente de que haxa nenos que o leven ben e outros non tan ben, non quere dicir que estean preparados para iso. Ningún neno está o suficientemente preparado para que os seus pais o deixen na porta dun lugar descoñecido, dean media volta e marchen. Todo cambio nun neno/a por moi pequeno que sexa é un proceso. Neste ámbito hai escolas que consideran que non é necesario un tempo de adaptación e outras que establecen períodos duns 15 días para este proceso, durante os cales se vai ampliando o tempo de estancia no centro. Poucos son os coles que ofrecen unha adaptación respectuosa, sen límite de tempo ou que mesmo deixen pasar a pais á aula.

REVISTA ABRIL

Sesta. Dormen a sesta os nenos de 3 anos? Ao tres anos a maioría dos nenos seguen botando a sesta e convén informarse pois hai coles que só teñen sesta o primeiro trimestre, outros todo o curso e algúns mesmo no segundo ano de infantil para alumnos que aínda o necesiten. Isto dependerá moito do horario que teña o colexio. Si é xornada continua é menos probable que teñan este tempo para durmir que si é xornada partida e teñen que volver a clase pola tarde, hai nenos que non aguantan todo este tempo lectivo sen o seu descanso.

Deberes. Mandan moitos deberes para casa? Tema de relevancia e debate na actualidade. Aínda que adoita ser un tema relacionado coa etapa de primaria, hai colexios que en infantil xa empezan a mandar deberes. Hai centros a favor de mandar cada día tarefa para casa como método de reforzar a aprendizaxe, outros con todo consideran que o tempo de clase é suficiente para a aprendizaxe. Persoalmente, estou a favor dos segundos.

A elección de colexio non é unha tarefa fácil e trae moitas inseguridades pero para terminar, lembrade: non existe o colexio perfecto, senón o colexio adecuado para o voso fillo/a. Non convén angustiarse ante esta decisión pois a elección de cole nunca é irreversible.

Foresta

En Vincios atopamos Foresta, un espazo en plena natureza no que os nenos e nenas...

Eleven School

En Eleven School enorgullécense de ofrecer unha educación única que fusiona o prestixioso currículo británico...

CPR Quiñones de León

O colexio Quiñones de León está situado na Travesía de Vigo, 36, e leva na...

Colexio San José de Cluny

O Colexio Concertado Plurilingüe San José de Cluny aposta por unha aprendizaxe baseada en diversas...

Colexio Montesol

O Colexio Montesol foi fundado en 1982 e atópase en pleno corazón do barrio de...

Colexio Bouza Brey

O colexio Bouza Brey é un centro educativo concertado pluringüe situado en Vigo que desde...

Colexio Atlántida

Na parroquia de Bouzas atópase o Colexio Atlántida, cooperativa dedicada ao ensino concertado que recibe...

Colexio Alborada

O CPR plurilingüe Alborada é unha cooperativa de profesores e profesoras que leva dedicada á...

A Semente Vigo

A Semente é unha iniciativa social sen fins lucrativos con seis centros educativos espallados pola...

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.