Dez plans para unha ponte do máis cultural
Esta fin de semana é un pouco atípica, xa que o martes é festivo e algunhas persoas aproveitarán para facer ponte. Polo tanto, ampliamos os dez plans ata o martes para que sempre teñades unha opción de ocio e cultura a man. Preme en cada evento para obter máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai estes días entra na axenda de A Movida.
TÍA CARROLL – Xoves ás 22:00 na Sala Rouge – Desde 15€
A nova raíña do Soul & Blues Tía Carroll regresa á sala Rouge de Vigo para pechar a primeira parte do Ciclo «Momentos Alhambra – Máis Que Blues». Na actualidade é unha das grandes voces do Blues & Soul, onde foi recoñecida con numerosos premios.
MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO DE RIBADAVIA- Ata o domingo 23 en Ribadavia – Varios prezos
A 39º edición da mostra internacional de teatro de Ribadavia presentará na vila ourensá máis de vinte espectáculos e varias actividades escénicas complementarias arredor do lema “memoria, cohesión e innovación”. Entre os espectáculos, que terán lugar tanto no auditorio do Castelo como nas rúas e prazas da vila encontramoso 10 aniversario de A Panadaría, espectáculos de compañías europeas e os ultimos traballos de Matarile, Teatro del Barrio, Las Huecas ou Quico Cadaval.
PREVIA OLLIE NAVIA – Venres ás 21:00 na Sala Kominsky – 10,00€
O festival Ollie Navia comeza unha semana antes cunha festa previa o venres 21 de xullo na sala Kominsky. O recaudado na festa irá para a organización do festival o próximo 29 de xullo en Navia. Actúan os grupos Why Not, Serpe, Vloom, Leri, DTJ e Mürt.
FESTIVAL SINSAL – De venres a domingo na Illa de San Simón – Entradas esgotadas
O Festival Sinsal celébrase esta fin de semana na Illa de San Simón con todas as entradas esgotadas. Malia ser un feito habitual, non deixa de sorprender, pois ninguén sabe que artistas vai atopar ao chegar á illa. A maiores dos concertos, a organización adoita propoñer diferentes actividades paralelas para facer aínda máis interesante a estadía no arquipélago da ría de Vigo.
FESTIVAL TERRACEO – Venres, sábado e martes no Mar de Vigo – Desde 20,00€
O Terraceo propón tres concertos ben distintos para pasar a ponte coa mellor música e as mellores vistas á ría. O primeiro é este venres con María José Llergo, unha das voces máis persoais do flamenco actual. O día seguinte está Kitty, Daisy & Lewis, unha banda formada por tres irmáns británicos que bebe da música de raíz americana. Por último, o martes, o grupo pioneiro de rock tuareg Tinariwen vén desde Arxelia para mostrarnos como soan as guitarras no Sáhara.
FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL – Venres, sábado e domingo na Porta do Sol – De balde
O XXIX Festival Folclórico Internacional celebrase do 21 ao 23 de xullo co obxectivo de referenciar a cidade de Vigo como un polo cultural. Este ano traerá a cidade a bandas de Alemaña, Bosnia-Herzegovina, Senegal e Ecuador. Este edición desenrolarase de xeito central na Porta do Sol o venres e o sábado, aínda que tamén contará animacións en diferentes rúas da cidade (Peonil do Calvario; Mercado de Teis, Praza do Emigrante e a Praza da Pedra).
PICNIC SESIÓNS – Sábado desde as 19:30 en Saiáns – De balde
Volven as Picnic Sesións nesta edición solpor con charlas e obradoiros sobre fentos da man de Alberto García e Carla Viso e dous concertos de blues rock de moito nivel: Frans Banfield e O Cadelo Lunático.
FESTAS EN BEMBRIVE, LAVADORES E BEADE – De sábado 22 a venres 28 en varias ubicacións – De balde
Os próximos días coinciden no tempo tres festas parroquiais con programacións cheas de actividades. As Festas de Bembrive van do 22 ao 25, as de Santa Cristina de Lavadores do 23 ao 24 e as de Santa Ana de Beade do 25 ao 28. Moita verbena, moita orquestra e moita comida nos barrios vigueses.
TÍTERES NA TÚA CASA – Domingo ás 13:00 en Deilán Praia – De balde
Espectáculo infantil de títeres en Deilán Praia, un chiringuito cultural situado en Vilaboa á beira dunha tranquila praia.
PABLO LÓPEZ – Luns ás 22:00 en Castrelos – 10,00€ / De balde
Tras o concerto de Calamaro e Bisbal chega a terceira actuación deste verán en Castrelos. O músico malagueño Pablo López, que participou en Operación Triunfo en 2008, subirá ao escenario do auditorio para facer vibrar aos seus fans.