VIALIA
PLAYDOC

O Festival Sinsal mira ao pasado a través dos formatos analóxicos

As Sesións Sinsal, realizadas en primitivos cilindros de cera, e a exposición/obradoiro sobre casetes confirman a paixón do Festival Sinsal cos formatos analóxicos. O evento cultural, cuxo cartel de artistas é secreto, celébrase do venres 21 ao domingo 23 na Illa de San Simón con todos os abonos esgotados.

Aleksander Kolkowski e Mordem durante unha das gravacións en 2018 | Sinsal

O Festival Sinsal celébrase esta fin de semana na Illa de San Simón con todas as entradas esgotadas. Malia ser un feito habitual, non deixa de sorprender, pois ninguén sabe que artistas vai atopar ao chegar á illa. A maiores dos concertos, a organización adoita propoñer diferentes actividades paralelas para facer aínda máis interesante a estadía no arquipélago da ría de Vigo. Unha destas iniciativas son as Sesións Sinsal, enmarcadas dentro da Escola Sinsal.

A Escola Sinsal é un proxecto educativo sobre o son dirixido polo Colectivo Sinsalaudio, promotora organizadora do festival homónimo. Desde o seu nacemento en 2006, a evolución do proxecto foi constante, investigando sobre as fontes acústicas, a súa evolución, o rexistro, as diversas aplicacións, etc. A través de talleres, conferencias e exposicións percorreron numerosos puntos da xeografía española (Asturias, Castellón, Zamora, Sevilla) e mesmo internacionais (Marsella, Florencia e México DF).

Concerto do Festival Sinsal en 2022 | P. Vázquez

As Sesións Sinsal, unha viaxe ao pasado

As sesións, diciamos, consisten nun proceso de gravación acústica a través de cilindros de cera, un sistema inventado a finais do século XIX predecesor dos discos de gramófono, que triunfaron a comezos do século pasado. A súa principal característica é a baixa fidelidade do son, cun ruído constante: “Hai unha estética que xa foi utilizada por algúns artistas para facer os seus discos, aproveitando o grao da agulla ao surcar o disco ou o cilindro. Tamén na fotografía e no cinema hai unha corrente estética que aproveita o defecto para convertilo en virtude“, explica Julio Gómez, codirector do Sinsal.

Esta mala calidade de son crea unha ilusión (ou realidade) dun tempo pretérito e tamén nos convida a escoitar a gravación con máis atención. Aos músicos tamén lles supón un reto “porque non teñen o control sobre a súa música, é como retroceder máis dun século“, comenta Julio. Os artistas que xa pasaron por este proceso —Esteban y Manuel, Lina e Raül Refree, Mordem, Marem Ladson, Nelida Karr…— interpretan as súas cancións diante dun grande embude que capta o son e, mediante vibracións, move unha agulla sobre un cilindro de cera. Este mesmo aparello, cun simple cambio de agulla, tamén pode reproducir os sons que se acaban de captar. Julio destaca a “espectacular” sesión de Nakhane como a súa favorita.

O responsable desta viaxe ao pasado é o artista británico Aleksander Kolkowski, compositor, violinista e investigador que utiliza a gravación de son histórico e aparatos de reprodución e medios obsoletos para facer música mecanoacústica contemporánea. “É unha das poucas persoas do mundo, agás nalgún museo de Estados Unidos, que aínda fai gravacións en cilindros fonográficos”, relata o director do festival.

REVISTA MAIO

A volta da casete

Outras das actividades que imos atopar no festival insular están protagonizadas polas cintas de casete. Este formato, que tivo a súa auxe nas décadas dos 80 e 90 do pasado século, está considerado o principal soporte sonoro do século XX. Sarah Rasines, artista responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, organiza unha exposición titulada Do cinema familiar ás casetes domésticas e e tamén imparte un obradoiro que revisará a historia da casete, desde o seu papel na creación e difusión da música popular até o seu impacto cultural e social en todo o mundo; descubrirá os seus secretos sonoros e amosará ás asistentes a facer un loop con cinta de casete e xerar sons que transformarán a Caixa-libro Escola Sinsal nun instrumento musical.

Para poder participar neste obradoiro, as persoas interesadas poden enviar desde hoxe un correo electrónico a sarahrasiness@gmail.com sinalando, no asunto, Taller de casetes Escola Sinsal, indicando os nomes e apelidos das dúas persoas participantes e un teléfono de contacto. Ademais, deberán escoller o día ao que queren asistir: venres 21 (de 18:30 a 19:30 horas), sábado 22 (16:00 a 17:15 horas), ou domingo 23 (16:00 a 17:15 horas). As prazas son limitadas e en cada sesión haberá un máximo de 8 parellas.

Caixa-libro Escola Sinsal
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.