REVISTA ABRIL

Festival Sinsal

21xul(xul 21)14:4523(xul 23)21:15Festival SinsalFESTIVAIS E FEIRAS | Entradas esgotadas14:45 - 21:15 (23)(GMT+02:00) Illa de San Simón

Detalles do eventos

Sinsal SON Estrella Galicia ofrecerá, ao longo de tres xornadas, unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Un total de 26 bandas e solistas procedentes de 18 países diferentes actuarán no festival. Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda son os lugares de orixe das e dos artistas que participarán no evento, das cales 9 se estrearán en España e 16 actuarán por vez primeira en Galicia. O festival afonda así na súa aposta pola diversidade cultural a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Ademais, tamén destaca unha relevante presenza feminina nas propostas que conforman o cartel secreto do Sinsal, ben sexa como líderes das mesmas ou porque o 100% das súas integrantes son mulleres.

Neste 2023, Sinsal SON Estrella Galicia contará con catro escenarios nos que se desenvolverá a súa programación musical. En San Simón estarán os habituais Buxos FEST Galicia e San Simón SON Estrella Galicia; mentres que ao outro lado da ponte haberá dous palcos: Santo Antón, que acollerá concertos co público en cadeiras cada día -propostas intimistas co público sentado ás que se poderá acceder por orde de chegada ao recinto e até completar a capacidade do mesmo-, e o novo Santo Antón Clásico, que acollerá micro-concertos de música clásica de dúas agrupacións de talento novo o sábado 22 -cun repetorio centrado en compositores renacentistas-, e domingo 23 -que se centrará na celebración do 300 aniversario d’As catro estacións de Antonio Vivaldi-.  Estes recitais -cada día dun ensemble diferente- terán lugar ás 17:00, 17:30 e 18:00 horas e a duración de cada pase será de 15 minutos.


As Sesións San Simón completan a programación paralela da Escola Sinsal

Durante o festival Sinsal SON Estrella Galicia sucederanse as actividades divulgativas vinculadas á programación paralela e que se enmarcan no proxecto A Escola Sinsal, e que incluirán, entre outras accións, a exposición sobre a historia da casete Do cinema familiar ás casetes domésticas, e un obradoiro impartido pola artista Sarah Rashines no que o público aprenderá a xerar loops cunha cinta de casete e creará a súa propia caixa-libro da Escola Sinsal.

Dentro desta liña, atópanse tamén as Sesións San Simón e as Audicións San Simón, dúas actividades que se levarán a cabo grazas á colaboración do experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski. A primeira delas, na que participarán artistas do festival, consiste no rexistro dunha canción de dous minutos nun ciclindro de cera. Estas Sesións San Simón -que fan referencia ao propio arquivo de vídeo do festival gravado ao longo destes anos-, ás que o público pode asistir, celebraranse en distintos espazos do arquipélago -concretamente, no mirador de cristal de Buxos e xunto ao escenario Santo Antón Clásico-, nos que se instalará un estudio de gravación cun fonógrafo do s. XIX. Os horarios e localizacións de cada sesión pódense consultar desde hoxe no apartado de Actividades paralelas do espazo web de Sinsal.

Tamén coa colaboración de Kolkowski celebraranse as escoitas das Audicións San Simón, nas que o público poderá rememorar a instalación no espazo público da primeira máquina de discos para a escoita colectiva –gramola ou jukebox-. Entre os rexistros que se poderán ouvir, están as respostas recibidas na convocatoria Que é a música para ti?, publicada por Sinsal no mes de maio.

Outra das grandes novidades da programación paralela desta edición será a posibilidade de gozar dalgunhas das actuacións do Sinsal da última década grazas á realidade virtual. Así, o venres 21, a capela de San Simón acollerá a pre-estrea do documental Road to Meta-Stage: The Documentary, proxecto impulsado por Toño Cabanelas (Liveforevr!) da man do festival Sinsal SON Estrella Galicia, e que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo. A proxección realizarase no formato Theater VR, que permitirá que distintas persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos grazas á sincronización de varias lentes de realidade virtual.

Tamén na mesma capela de San Simón, pero xa de cara ao sábado 22 e o domingo 23, celebrarase Illas Imaxinadas: Laboratorio de paisaxes visuais e sonoras, un obradoiro familiar para a creación, desde unha perspectiva lúdica, de ambientes visuais e sonoros a través de diferentes procesos, dispositivos e artefactos. Estableceranse diferentes quendas e en cada unha poderán participar -de xeito totalmente gratuíto- 20 persoas.

Horarios e saídas dos barcos

Os barcos de Vigo sairán do porto (Estación Marítima da Ría, peirao 3), mentres que os de Meirande sairán do Centro de Interpretación de Rande. O horario de volta que se reflicte na táboa é a hora de saída desde San Simón. Lembra chegar ao embarcadoiro cun mínimo de 30 minutos de antelación 🙂 

DATA EMBARCADOIRO
Venres 21 Vigo (14:45h-23:30h)
Venres 21 Meirande (16:15h-22:45h)
Sábado 22 Vigo (12:00h-23:30h)
Sábado 22  Meirande (13:30h-22:45h)
Domingo 23 Vigo (11:45h-22:00h)
Domingo 23  Meirande (13:15h-21:15h)

Máis

Hora

21 (Venres) 14:45 - 23 (Domingo) 21:15(GMT+02:00)

Localización

Illa de San Simón

Illa de San Simón, Pontevedra

Other Events