COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Plans con nenos para esta ponte

Comeza unha fin de semana longa e toca buscar como aproveitar este tempo en familia. As opcións como sempre na nosa cidade son moi variadas. E temos plans para gozar ao aire libre, se o tempo o permite, ou para estar recollidos se finalmente se impón a chuvia.

O evento por antonomasia desta fin de semana é o Desafío Bootcamp. A popular carreira de obstáculos volve cun evento de tres días apto para tódolos públicos. Samil converterase nun gran centro de lecer no que haberá deporte, obradoiros familiares, foodtrucks e mercadiño. O gran tobogán acuático é un dos principais atractivos para os cativos. Pero haberá moitas cousas máis como un espazo de paintball o I Campionato de Bottle Flip e obradoiros de pinta caras, linguaxe de signos e taller RCP de primeiros auxilios.

Outra moi boa opción para os que prefiren as actividades ao aire libre e aproveitar as últimas viaxes a Cíes ou a Illa de San Simón. Visitalas en outubro será unha visita totalmente diferente na que poderemos aproveitar para facer sendeirismo e coñecer as illas dende unha perspectiva diferente.

E se o tempo non o permite, tamén temos actividades para facer a pechado. Este venres día 12 pola mañá o Museo do Mar invita as familias a participar na alimentación dos peixes do acuario. O sábado pola mañá, hai sesión de contacontos na Biblioteca Juan Compañel con os Contos de Traxugas de César No.

Ademais, este mes estase a celebrar o Festival Internacional de Galicreques que en Vigo ten a súa extensión na Sala Ártika. O sábado, a compañía arxentina Ulularia Teatro presentará ‘En una canasta’ e o domingo terá lugar ‘El oso que no lo era’ dos mexicanos Mano y Contramano. Ambas actuacións terán lugar ás 18:00 horas.

Como cada domingo tamén haberá espectáculo infantil no Auditorio do Concello. ‘Rosa Caramelo’ é a obra coa que Talía Teatro dá a volta aos estereotipos de xénero a partir da historia de Margarita, a única elefanta do grupo que non consegue que a súa pel sexa rosa caramelo.

SONRIAS

Coma sempre podes consultar tódolos plans para facer en familia na nosa axenda de pequechos.