CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Coñecer a nosa historia a través do concurso fotográfico do Liste

A instantánea ‘Confluencias’ foi a gañadora do concurso fotográfico do Museo Liste no 2015 | Fernando Laconde

Un ano máis, e van cinco edicións, o museo Liste, o museo etnográfico de Vigo, organiza o seu concurso fotográfico. Eu participei e gañei no certame do 2015, daquela o tema fora “Vigo: vestixios do pasado” para o que presentara unha foto que reflectía unha “esquina” de Beiramar, que dende rapaz me chamara a atención. Un pequeno espazo que xa vai anos que mudou a unha aparencia tan actual como inclasificable para min. Todo muda nunha cidade, o pasado desaparece ou se transforma. E, as veces, eses cambios teñen como finalidade todo menos recuperar un vestixio do pasado, un dos obxectivos dun museo etnográfico.

O tema do concurso deste ano é “O patrimonio industrial vigués”. As conserveiras e o sector naval foron clave no desenvolvemento urbano da cidade. Inevitablemente venme á memoria a miña imaxe, aquel lugar e tantos outros detalles que dende neno vin mudar ou desaparecer na nosa liña de costa. Para min, o que reflicte aquela foto que gañou o concurso naquela convocatoria xa é unha lémbranza. Un pequeno detalle da gran memoria do pasado que é toda a nosa liña de costa, conserveira e industrial que era, e é, Beiramar.

O concurso fotográfico do museo Liste, acorde cos seus principios, ten como finalidade fomentar o coñecemento a través da fotografía de aspectos históricos e etnográficos da cidade. Valóranse nas fotografías aspectos estéticos, técnicos e documentais. O tema deste ano dá moito xogo, unha ocasión para coñecer máis do patrimonio industrial da nosa cidade, e que mellor que dun xeito activo e creativo como é facendo fotos!

The following two tabs change content below.

Fernando Laconde

O fotógrafo Fernando Laconde, cursou psicoloxía en Santiago de Compostela onde comezou a formarse na súa paixón, a fotografía perfilándoa coma ferramenta pedagóxica e comunicativa. Na actualidade, traballa diversas temáticas fotográficas, dende fotografía arquitectónica e de interiores ao retrato e moda, pasando pola fotografía documental sobre o leste de Europa.