REVISTA ABRIL

Unha ollada aos estaleiros, patrimonio en extinción

A exposición A carpintería de ribeira. A fráxil beleza dun oficio seleccionou unha instantánea do fotógrafo vigués Fernando Laconde, colaborador habitual de amovida.gal. Fernando leva anos interesándose pola fotografía de interiores e arquitectónica e a relación destes espazos coa nosa memoria, individual e colectiva. El mesmo nos explica máis sobre a mostra e a súa fotografía que se poden visitar no Museo do Mar ata o 31 de agosto.

expo marco fernando

Fotografía de Fernando Laconde seleccionada para a mostra.

Nesta exposición amósanse 50 fotografías que foron seleccionadas de entre todas as presentadas ao I Concurso de fotografía Museo Massó 2017 dedicado á carpintaría de ribeira tradicional. Trátase dun patrimonio histórico que comprende tanto as técnicas de navegación e as embarcacións tradicionais como o oficio e o obradoiro ou estaleiro. Un oficio que está desaparecendo en Europa, e do que Galicia ten un gran patrimonio.

No meu caso, sendo a  fotografía de interiores e de arquitectura un dos meus intereses profesionais  quería plasmar esas estruturas tan fráxiles, algunhas en estado de semiabandono, e a súa relación co seu entorno.

REVISTA ABRIL

Foi toda unha sorpresa descubrir e fotografar algún destes lugares ‘semiagochados’ da costa galega coa escusa do concurso fotográfico. Os  estaleiros retratados nesta exposición, como o da miña foto, forman parte da arquitectura popular e neles constrúense as pequenas embarcacións de madeira dedicadas á pesca de baixura. Normalmente levantados á beira do mar, a maioría dos estaleiros son estruturas sinxelas de madeira, algúns simplemente un galpón ou cuberta ao pé da praia. Era un oficio que requiría uns coñecementos complexos e en moitos casos itinerante.

Nesta aparente fraxilidade, reside a súa particular beleza. A madeira é a materia principal da carpintaría de ribeira e das fotografías expostas. A través destas fotos vemos as formas e estruturas externas destes estaleiros de madeiras gastadas pola salitre e o tempo; e tamén o ambiente íntimo que se respira no seu interior, de ferramentas de traballo, de virutas e serrín. Espazos baleiros ou co corpo dunha barca en proceso de construción ou reparación no interior.  Todos eles foron obxectivo das cámaras transcendendo nalgúns casos á representación documental dun espazo converténdose nunha obra artística.

Parte desaparecida, parte escondida, Galicia é unha reserva da carpintaría de ribeira tradicional en Europa, un patrimonio por conservar e descubrir.

The following two tabs change content below.

Fernando Laconde

O fotógrafo Fernando Laconde, cursou psicoloxía en Santiago de Compostela onde comezou a formarse na súa paixón, a fotografía perfilándoa coma ferramenta pedagóxica e comunicativa. Na actualidade, traballa diversas temáticas fotográficas, dende fotografía arquitectónica e de interiores ao retrato e moda, pasando pola fotografía documental sobre o leste de Europa.