UVIGO
FILLOAS

O Museo Liste propón un concurso fotográfico cos faros como protagonistas

O tema proposto este ano polo Museo etnográfico de Vigo, o Liste, é “Faros, luces e outros sinais marítimos”. A nosa cidade e a súa contorna, tan vencelladas ao mar onte como hoxe, conservan unha morea de elementos sinalécticos deste tipo que serán os protagonistas da sétima edición do concurso. Poderase participar ata o 1 de novembro e a entrega dos premios será en decembro.

A ría de Vigo pola noite | P. Vázquez

A temática elixida este ano, os “Faros, luces e outros sinais marítimos”, continúa na teima de unir arte e etnografía, sendo así que a recollida gráfica por parte dos participantes será tamén unha forma de colaborar na ampliación do arquivo fotográfico do Museo. A VII convocatoria do Concurso de Fotografía convocado polo Museo Liste de Vigo co gallo da celebración do Día Internacional dos Museos. O concurso pretende fomentar o coñecemento e a creatividade a través da práctica da fotografía co fin de destacar variados aspectos históricos e etnográficos da nosa cidade e da súa contorna.

Por que esta temática? A utilización dos sinais marítimos, unida ao desenvolvemento da navegación, foi dende sempre imprescindible para a orientación e identificación dos roteiros a seguir no mar. As referencias tomábanse primeiro dos accidentes naturais da paisaxe como os cabos, os montes,…; a medida que a navegación se distanciou da costa e estes elementos deixaron de ser identificables, utilizáronse fogueiras; posteriormente, xorden os faros coa romántica figura do fareiro xa a piques de extinguirse ante o pulo das modernas tecnoloxías.

Outros tipos de sinais como as boias, obeliscos, bandeiras, … conforman un amplo catálogo de sinais merecedoras de ser coñecidas. A nosa cidade e a súa contorna, tan vencellada ao mar antes como na actualidade, conserva unha morea de elementos sinalécticos deste tipo que serán os protagonistas desta sétima edición do concurso fotográfico convocado polo museo.

Os elementos fotografados deberán estar presentes a día de hoxe na cidade ou na súa contorna (incluense todos os concellos e lugares da ría da Vigo). Han de ser fotografías actuais realizadas ex professo para o concurso. É imprescindible que xunto cos datos do participante aparezan identificados, coa súa localización, os elementos fotografados.

CAMELIAS NADAL

O primeiro premio serán 200 euros en metálico e o segundo e terceiro recibirán unha figura conmemorativa. Así mesmo as obras serán expostas durante un período de 30 días na sede da Fundación Liste. Podes consultar as bases ao completo premendo aquí.