REVISTA ABRIL

O Liste celebra unha nova edición do Concurso fotográfico

Desde o pasado 2 de xuño é posible visitar o museo de etnografía de Vigo que conta, ademáis da colección permanente, cunha mostra de obxectos arredor da gastronomía galega dos séculos XIX e XX. A institución tamén retoma unha das súas actividades máis populares: O concurso de fotografía, que cumpre sete anos e este ano rende homenaxe aos faros e sinais mariñas.

O tema proposto este ano é “Faros, luces e outros sinais marítimos”. A nosa cidade e a súa contorna, tan vencelladas ao mar onte como hoxe, conservan unha morea de elementos sinalécticos deste tipo que serán os protagonistas da sétima edición do concurso. A temática elixida insiste no esforzo de unir arte e etnografía, sendo así que as obras dos participantes pasarán a formar parte do arquivo fotográfico do museo. Cada concursante, que debe ser maior de 18 anos, poderá participar con ata tres fotografías que deberá enviar antes do 1 de novembro a didactica@museoliste.org seguindo as instruccións detalladas nas bases. O gañador recibirá 200 € e unha selección das obras será exposta na sede do Museo.

Xunto ao Concurso de fotografía, celébrase outro dedicado á palabra, o Concurso de Relatos, que tiña previsto desvelar os seus gañador o Día das letras galegas, pero tivo que ampliar o seu prazo ata o 1 de novembro. Poden participar nenos desde 1º de primaria ata 4º de ESO que creen historias curtas que combinen realidade e ficción, tal e como se especifica nas bases.

REVISTA ABRIL

Outro dos proxectos participativos que o Museo Liste ten actualmente en marcha é ‘Sororidade’, unha mostra colaborativa de creacións artísticas que reflicten a inxustiza que xera a desigualdade dunha socialización no patriarcado.

Por outra banda, o Museo vén de inaugurar unha nova exposición temporal ‘A mesa farta: etnoloxía e cultura alimentaria de Galicia’, unha escolma de pezas procedentes do Museo Liste de Oseira e coleccións particulares que fala da evolución da cultura alimentaria en Galicia a través de obxectos vencellados a ela dos séculos XIX e XX. Está complementada por unha instalación arredor do millo, no que se explica a historia da planta e os seus usos culturais. Ambas estarán abertas ata finais de ano.

Para garantir a distancia social e evitar a formación de grupos, o Museo ten suspendidas polo momento as visitas guiadas e as actvidades didácticas.