REVISTA ABRIL

Captando a tradición ancestral da rapa das bestas

Na primavera comezan os curros en Galicia, concretamente os primeiros son nas espectaculares paraxes da serra de A Groba, e se van sucedendo ao longo do verán en diferentes comarcas dos montes galegos. Nas montañas de Galicia habita unha poboación numerosa de cabalos bravos, coñecidos como “bestas”. Dende tempo inmemorial son conducidos ao curro unha vez ao ano, sendo esta unha das romarías e tradicións máis ancestrais de Galicia.

A  presenza de cabalos salvaxes e a súa domesticación aparece documentada xa en tempos prehistóricos  en diversos gravados rupestres de orixe paleolítico, como os que se atopan nas faldras do Galiñeiro e a Serra da Groba. Tamén fan mención aos cabalos galaicos os historiadores romanos. Na serra da Groba está documentada no século.XIII a presenza de cabalos salvaxes pertencentes  ao mosteiro de Oia e, de feito, a partires do s. XVIII constátase a existencia dos curros. Aparece mencionado o dereito do mosteiro a “prender e acurralar” aos cabalos salvaxes; créese que os cabalos foron introducidos na serra pola orde cisterciense que se asentou na zona formando o mosteiro de Sta. María de Oia.

Esta relación ancestral dos humanos cos cabalos en Galicia chegou aos nosos días como a festa etnográfica da rapa das bestas ou curros. Unha tradición milenaria na que unha vez ao ano as bestas do monte son conducidas a un recinto amurallado, o curro, onde tras ser seleccionadas e separadas, marcan, cortan as crines, e desparasitan ás reses.

O ritual de separación é o máis abráiante visualmente. Unha aglomeración de persoas e cabalos dentro do curro “loitan” entre si, uns tratando de separalos e sacar fóra aos cabalos seleccionados para o seu proceso de rapa e desparasitación, e as reses defendéndose tanto por evitar que as collan como para manter o seu espazo fronte os demais cabalos. Revolvéndose, alzándose, coceando e rinchando, curiosamente os “enfrontamentos” máis espectaculares danse entre os machos guías da manada.

REVISTA ABRIL

É un ritual levado a cabo polos gandeiros, veciños e membros das asociacións do curro, que entran no recinto amurallado e identifican as reses para separalas. Trátase dunha tradición que se transmite de xeración en xeración na que cada vez participan máis mulleres e rapazas. A el acoden prensa e fotógrafos de todo o mundo incluído fotógrafos de recoñecido prestixio internacional como o Premio Nacional, García Rodero. Algunhas fotos tomadas en curros foron premiadas internacionalmente; sen ir moi lonxe, o ano pasado unha instantánea tomada en Sabucedo, -sen dúbida, o curro máis recoñecido tras décadas de estudo e promoción-,  foi finalista do Concurso Smitsonian (un dos máis prestixiosos) na categoría de “mundo natural”. Sen esquecer, a sección fotográfica da rapa de Sabucedo que cada ano sae publicada na National Geographic.

A rapa das bestas é hoxe unha festa única, definitoria da forma de vida e da tradición nos montes de Galicia, que se intenta actualizar ao noso tempo coa protección e estudo dos cabalos autóctonos –microchip- pero que, malia a espectacularidade dalgún dos seus momentos “tensos” que tanto pode atraer a uns como incomodar a outros, non perde a súa razón de ser. Unha romaría que une aos veciños e gandeiros da bisbarra onde nada é fortuíto. Ligada ao entorno natural e que contribúe á conservación da especie, e por ende da paisaxe e dos hábitats.

O domingo 10 de xuño guiarei unha ruta fotográfica por Oia aproveitando a celebración do Curro da Groba, visitaremos tamén as Pozas de Mougás. Se queres participar, podes inscribirte no seguinte enlace.

(GMT+01:00)

The following two tabs change content below.

Fernando Laconde

O fotógrafo Fernando Laconde, cursou psicoloxía en Santiago de Compostela onde comezou a formarse na súa paixón, a fotografía perfilándoa coma ferramenta pedagóxica e comunicativa. Na actualidade, traballa diversas temáticas fotográficas, dende fotografía arquitectónica e de interiores ao retrato e moda, pasando pola fotografía documental sobre o leste de Europa.