Concertos, foliada e carnes á grella para a inauguración de O Faneco en Beade
Este sábado abre as súas portas O Faneco, a proposta de Ubaldo Méndez para o restaurante do Parque Forestal de Beade, baseada en carnes e peixes a grella e cociña tradicional. A inauguración será un gran evento con música desde as 13h ata a noite.
Ubaldo Méndez levaba un tempo atrás deste privilexiado local situado no monte veciñal de Beade, a poucos metros do miradoiro panorámico do que fai gala o Parque Forestal da parroquia das cereixas. O hostaleiro é coñecido na cidade por rexentar un animado bar de copas durante case unha década na Rúa Real, O Faneco.
Co mesmo nome nace agora o seu novo proxecto, que conserva do anterior o ambiente enxebre, popular e a vontade de pasalo ben. Tras varios meses de traballo para modernizar as instalacións, o sábado 2 de xullo abre as portas O Faneco, un asador que conta cun amplo salón interior e tres terrazas nas que degustar da comida na inmersión da foresta.
A oferta gastronómica do Faneco é tan sinxela como apetecible. O punto forte da carta son as preparacións á grella, da que saen pratos de churrasco, costeleta e entrecosto de tenreira galega, así como peixes e verduras. «Temos instalada unha grella con tres espazos diferenciados, para que a carne non sexa a única protagonista», explica este coñecido hostaleiro. De entrante, tapas tradicionais para compartir; como tortilla, pementos ou luras. Ademais O Faneco planea abrir as portas antes da hora de xantar, para desfrutar de sesións vermú que decote estarán aderezadas con música ao vivo.
Para poñer todo isto en práctica Ubaldo organiza este sábado, 2 de xullo, unha gran festa de inauguración, con actuación de Os cuncheiros e Nós Folk a mediodía; foliada de 17h a 21h aberta a todo o público e El pelotón de los torpes e outro concerto por confirmar a partir das 21:30h. A celebración contará cun menú pechado de carne ou peixe á grella con gornición e duas consumicións por 15€.
Enderezo: Parque Forestal de Beade
Facebook: O Faneco Casco Vello
Instagram: @ofaneco
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024