BANNER CANS
BANNER GALAXIA

Editorial Galaxia estréase no audiolibro con tres obras infantís

Editorial Galaxia lanza os tres primeiros audiolibros, dirixidos a público miúdo. Daniel non peirao, de Paula Carballeira; Ícaras, de Carlos Labraña e Hermilindo esbirra poemas, de Paula Señarís xa están dispoñibles en Google Play.

Da páxina o oído. A nova proposta da editorial viguesa Galaxia son os audiolibros e onte presentou na seda da ONCE os tres primeiros que lanza ao mercado. Trátase de tres historias infantís aínda que, como explicou o director editorial Marcos Calveiro, unha vez superada a barreira da lectura, a idade recomendada desaparece e as tres propostas, clasificadas como para maiores de dez anos na versión en papel, son agora para persoas de calquera idade.

A nova colección inaugúrase con tres títulos: Daniel non peirao, de Paula Carballeira, sobre os últimos días de Castelao antes de emigrar; Ícaras de Carlos Labraña, que narra o encontro de dúas nenas con ganas de voar; e Hermilindo esbirra poemas, de Paula Señarís, presenta a un protagonista de latón que esbirra versos nun mundo mecánico. Os tres están xa dispoñibles en Play Store por 9,99 €.

No acto de presentación estivo presente José Ángel Abraldes Rodeyro, director dos recursos educativos da ONCE, resaltou a importancia desta iniciativa para a rapazada non vidente, sinalando que “o aumento das opcións de lecer é un claro indicador de que se están ofrecendo máis oportunidades para a diversidade”. Fixo referencia a Daniel, un dos protagonistas dos contos, para expresar o desexo de “ver a realidade dun modo diferente”.

As gravacións, a medio camiño entre a lectura e o teatro radiofónico foron dirixidas por Teresa Santamaría, dobradora con 40 anos de experiencia e coñecida voz das series do Xabarín Club. Santamaría ten prestado as súas cordas vocais a personaxes de Shin Chan, Dragon Ball, Doraemon, Harry Potter ou A Patrulla Canina.

Teresa Santamaría puxo en valor a iniciativa de Galaxia como “necesaria para salvagardar o noso patrimonio cultural e inmaterial”, resaltando a “gran calidade das obras literarias” adaptadas e salientando o respecto pola obra orixinal co que foi desenvolvido o proxecto. Subliñou o traballo dos traballadores da dobraxe involucrada, un grupo con máis de 40 anos de experiencia que formou parte da xeración que viu nacer o Xabarín Club. Este colectivo, a miúdo “esquecido” segundo Santamaría, foi un elemento normalizador fundamental para a lingua galega coa chegada da televisión.

O novo formato permite gozar da literatura a través de escoita, fomentando a atención activa e a comprensión oral. Son versátiles, axeitados para acompañar viaxes, xogos ou momentos antes de durmir. Tamén teñen valor como unha ferramenta útil para a aprendizaxe da lectoescritura en centros educativos, permitindo seguir o texto mentres se escoita a narración.

REVISTA MAIO
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.