Cervexas NÓS inaugura fábrica con espazo de degustación en Beade
A cervexa artesá NÓS traslada o seu centro de produción a Vigo. Para celebralo teñen preparada unha gran festa de inauguración este sábado. A fábrica, situada no Polígono de Seixiños en Beade, abrirá ao público as fins de semana un espazo de degustación.
Os amantes da cervexa artesá terán un novo espazo en Vigo no que achegarse ao mundo da elaboración de cervexa. NÓS inaugura este sábado a súa nova fábrica no polígono de Seixiños en Beade. Trasládanse dende Mos, a unha nave moito máis grande con nova maquinaria que lles permitirá pasar dos 5.000 litros de produción de cervexa mensuais aos 15.000. A fábrica estará aberta ao público nas tardes de venres e sábado para que a xente se achegue a relaxarse, probar unhas cervexas e, se o desexa, coñecer como é o proceso de elaboración das mesmas. Un modelo que xa leva anos funcionando noutras cidades como Barcelona. O espazo será empregado para catas organizadas ou improvisadas, xa que todos os que se acheguen ata alí poderán degustar os seis tipos de Cervexa NÓS que se elaboran actualmente. Ademais, terán a oportunidade de beber cervexa directamente do fermentador.
Este sábado inauguran este novo espazo cunha gran festa á que todo o mundo está convidado. O evento comezará ás 13:00 horas coa actuación dun grupo de gaitas, ás 14:30 terá lugar o xantar, limitado a 50 persoas, e que consistirá en: paella, empanadas, tortillas e sobremesa (as reservas poden facerse por whatsapp 679514068). A partir das 17:30 volve a música en directo coa actuación dun dúo de música tradicional e ás 19:30 os asistentes bailarán ao ritmo de rock&roll coa banda Pelotón de los Torpes e, se a xente queda con ganas de festa, a partir das 21:30 pincharase algo de música.