REVISTA ABRIL

Moda e deporte en Beade para honrar á cereixa

Beade é terra de cereixas e iso é algo ben sabido por todos. Aínda que parece que este ano veñen con algo de atraso, esta fin de semana comezan os actos conmemorativos na parroquia viguesa. O sábado celébrase un desfile de moda no que este froito será o protagonista e o domingo pola mañá terá lugar a tradicional Carreira da Cereixa.

Beade rende homenaxe a un dos seus bens máis prezados: a cereixa. Os actos comezan o vindeiro sábado coa celebración do ‘Beade Fashion Day’, o tradicional desfile de moda no que a cereixa será a gran protagonista. O evento reunirá a partir das 20:30 horas no Centro Cultural de Beade a 15 noveles deseñadores de moda e 4 de complementos que competirán por facerse co premio ao deseño máis orixinal, co requisito de que a temática central sexa a propia cereixa. Outra das particularidades deste evento é que tódalas persoas que se soben ao escenario a desfilar son veciños da parroquia, que se converten en modelos por un día.

REVISTA ABRIL

Na XV edición deste desfile de moda, renderase homenaxe a Pretty Novias by Marina Salgueiro cunha gran sorpresa ao comezo do evento. O peche correrá a cargo do deseñador Andrés Valverde impulsor da marca de moda sostible ‘Faldaguas’ que emprega as telas de paraugas en desuso nos seus deseños.

O domingo, o desfile correrá a cargo dos máis deportistas. A Carreira da Cereixa arrancará ás 10:30 da mañá do Centro Cultural de Beade. Os corredores terán que repetir un percorrido circular pola parroquia para completar os 10 quilómetros que compoñen a proba. A carreira está enmarcada dentro do circuíto Run Run de carreiras da cidade olívica.

Estes actos son a previa da gran festa, que arranca o venres día 1 de xuño con actividades para os pequenos, actuacións musicais e un serán popular. Os actos conmemorativos continúan o sábado 2, cun percorrido de coches clásicos, os concertos da Banda Escola de Música e da Coral de Beade e un festival de baile moderno. Pola noite humor a cargo de Juan Txonino e música a cargo do Grupo Souvenir. O domingo terán lugar os actos centrais do evento, nos que coñeceremos os galardoados nos concursos da cereixa de mellor calidade, o concurso de presentación das cereixas de Beade e no concurso de transformación e derivados da cereixa. Para pechar a festa, ao longo da tarde-noite do domingo actuarán numerosas agrupacións folclóricas.

(GMT+01:00) Centro Cultural de Beade


(GMT+01:00) Centro Cultural de Beade