Cinco festivais de música en Vigo que xa non existen
Hai poucos días que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o máis probable é que este verán tampouco haxa concertos en Castrelos. Dun modo parecido, moitos festivais de música non poderán celebrarse ou, no mellor dos casos, levarán a cabo unha edición reducida. Imos facer unha viaxe por cinco festivais que animaron a nosa cidade no pasado, pero xa non.
FESTIVAL DEL MUNDO CÉLTICO
Aló por xullo de 2019, preguntámoslle a Carlos Núñez que lle gustaría ver en Castrelos. Contounos que nesta cidade houbo un festival celta máis antigo aínda que o de Lorraine. Fundouno o escritor Álvaro Cunqueiro en 1964 como “declaración de paz aos pobos célticos”, cunha primeira edición na que participaron grupos folclóricos chegados de Bretaña, Escocia, Asturias e Galicia. Núñez lembra que “o Festival de Lorreaine continúa e 750.000 persoas pagan cadanseu billete para ir, sen subvencións”, mentres que o de Vigo pasou a mellor vida hai moitos anos.
VIGO TRANSFORMA
En 2010 a promotora local Esmerarte, que actualmente organza festivais como PortAmérica e O Son do Camiño, creou Vigo Transforma para ofrecer música actual de calidade, nacional e internacional, na nosa cidade. Nas súas dúas edicións, celebradas no tinglado do porto, participaron artistas como Jeff Tweedy (Wilco), Moby, Devendra Banhart, The XX, Love of Lesbian, Os Mutantes, Delafé y las Flores Azules, Yann Tiersen, Vetusta Morla, The Pains of Being Pure at Heart, Russian Red, Xoel López, The Gift, Catpeople ou Eladio y los Seres Queridos. Tras a súa desaparición crearon o festival PortAmérica en Nigrán.
Outra promotora de aquí, Sinsalaudio, organizou nos veráns do 2008 ao 2010 Vigo Urban, un festival de música local que tiña lugar na praza da Estrela. A súa principal cualidade, máis aló de visibilizar a nosa música, era a variedade de xéneros e estilos que ofrecía. Así, atopabamos unha noite rock, punk, metal, electro-pop, indie, hip-hop, reggae, funk, fusión… Por ese escenario pasaron innumerables artistas: The Mirage, Dakidarria, Zamaramandi, Kannon, Transilvanians, Phantom Club, Glassonion, Aid, Ganjahr, Álvaro Costas, Kogito, 7 Setenta, Los Marcianos, Os Martynez, Hollywater, Maryland, Dreams of Dolly Sheep, Pacífico, Austria, Minim, Saldos Arias, Los Abrasivos, Mutilados da Pirotecnia, Moon Cresta, Heissel, Nocheni, Nongratos, Paniko en las Calles, Wöyza… Que falta nos fan agora propostas como estas.
IMAXINASONS
Tras 14 anos de actividade, en 2018 o Concello cancelou o festival Imaxinasons, un evento de jazz internacional de case dúas semanas de duración. De feito, no seu último ano de vida cambiara o nome a Festival de Jazz de Vigo porque se trataba dunha “nova senda como festival con entidade propia para responder á enorme afición ao jazz que hai en Vigo”, comentaba o alcalde. Tres anos despois seguimos sen saber cal era esa nova senda, e tamén sen festival.
FESTIVAL NUN LOCAL
Pouco antes de celebrarse a súa quinta edición, en 2019, o seu organizador Edi Morgan anunciou que esta quedaba cancelada. Os motivos podedes lelos premendo aquí, nun artigo escrito polo propio Morgan na nosa revista de novembro dese ano. Festival Nun Local naceu como unha proposta multidisciplinar que pretendía fomentar as artes locais a través dunha simbiose co negocio pequeno; cultivando artistas, creando públicos e dinamizando barrios. Así, pasaron máis de 500 artistas (música, poesía, teatro, performance, maxia…) por uns 200 locais vigueses, unhas cifras que soan a ciencia ficción nunha cidade como a nosa. Edi non descarta volver “baixo outro nome, pero coa mesma filosofía”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024