RevistaOutubro

Cinco cousas que non debes perder do Festival de Cine Inclusivo de Vigo

Outono é tempo de festivais e de volver ás salas de cine e froito destas dúas placenteiras tradicións agroman ata unha ducia de certames cinematográficos en Vigo e a súa contorna. Mañá comeza o Festival de Cine Inclusivo de Vigo, unha cita co sétimo arte en ton comprometido, que proxecta filmes accesibles para persoas xordas e cegas e outros que suscitan o debate sobre temas de igualdade e xustiza social.

Fotograma de “Olvido y León”

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo celebra a súa sexta edición entre o 12 e o 16 de setembro cunha programación na que, de novo, cultura, diversión e conciencia social encóntranse na pantalla. Este ano coa saúde mental como tema central. Durante os cinco días de festival poderemos gozar de longametraxes documentais e de ficción, curtas coa igualdade de xénero como tema central, webseries, curtas de animación para a cativada, filmes ao redor da discapacidade e un amplo catálogo de pezas subtituladas e audiodescritas, que as fan accesibles para todos. Unha oferta amplísima da que vos facemos as seguintes recomendacións:

1. Retrospectiva de Xavier Bermúdez, o director homenaxeado nesta edición do Festival e o primeiro en España en traballar cun actor con síndrome de Down. Poderemos ver León y Olvido (2004) e Olvido y León (2020) e estarán presentes o director e a actriz coprotagonista de ambas películas, a viguesa Marta Larralde. As proxeccións terán lugar o martes, ás 17h e 20h, respectivamente. Tras as proxeccións farase entrega do premio de honra a Bermúdez.

2. A curtametraxe The Human Voice (2020), de Pedro Almodovar. Unha rareza poder desfrutar do talento dun director consagrado en formato reducido. Esta curtametraxe é a libre adaptación do manchego dun monólogo teatral de Jean Cocteau e está maxistralmente protagonizada pola estadounidense Tilda Swinton. Poderemos vela dentro da sesión Curtametraxes pola Igualdade, o sábado 16 ás 11h, no Auditorio do Concello.

Banner A Movidiña

3. La isla de las mentiras (2020), a longametraxe galega de Paula Cons que obtivo 19 candidaturas nos Premios Goya 2021e foi a gran triunfadora nos Mestre Mateo. O filme está baseado nun acontecemento real: o afundimento dun barco de pasaxeiros con destino Bos Aires que afundiu na costa de Sálvora nos anos 20. A proxección será o venres 15, ás 21h, no Cine Salesianos.

4. A curtametraxe nominada aos Óscar, Feeling Throgh (2019), que narra o encontro fortuito entre un adolescente e un home xordo e cego. Está incluída na sesión de Curtas audiodescritas e subtituladas que se proxectará o sábado, ás 18h, no Auditorio do Concello.

5. A sesión de animación para a cativada, composta por sete curtas pensadas para facer pensar e divertir a toda a familia. A actividade sera o sábado 16, ás 12h, no Museo Marco, con entrada gratuíta ata completar o aforo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.
X