VIALIA
bannerPicnicSesions

Máis aló do festival, por Edi Morgan

O mes pasado anunciei que non ía haber unha quinta edición do Festival Nun Local. Iso foi tomado como unha noticia triste. Non debe ser así. Falouse de falta de apoio, de falta de tempo, de falta de diñeiro, de falta de ganas… pero todo iso xa existira os outros anos e o festival foi adiante.

REVISTA ABRIL

Vimos actuar máis de 500 artistas en máis de 200 locais. A última edición, FNL4, foi de catro días con case 200 artistas en 70 locais en tres barrios da cidade. Contándollo a calquera polo mundo adiante, como xa fixen, a xente alucina. Chegáronnos propostas desde Arxentina! Propostas especificamente preparadas para este festival. Introduciuse a billeteira inversa en varias actuacións e mostrouse, contra todo prognóstico, que si funciona. Mesmo en Vigo. E todo isto completamente autofinanciado. É o meu festival favorito. É un festival no que me gustaría participar. Entón, por que parar agora? Si, supón un esforzo persoal moi grande. Aprendín novas formas de suar mentres tentabamos vender suficientes chapas para cubrir todo o diñeiro (propio) que xa gastara (non me preguntes e non llo lembres á miña parella). Cada ano pesaba a responsabilidade de que cada local, artista e asistente tivese a mellor experiencia posible. E cada ano tamén tiña que ignorar o feito de que fose, basicamente, ilegal. Pero sempre foi así e iso non me paraba. Este ano decateime de algo que o cambiaría todo: en certo modo estaba a forzar un modelo que, pola súa propia natureza, ten que xurdir de forma orgánica. Creei o festival coa intención de que fose aberto, pero cada vez me resultaba máis difícil transmitirlle iso á xente. Deime conta de que FNL, tal e como estaba concibido, non era a mellor maneira de conseguir o seu obxectivo principal: fomentar a cultura local e mostrar a súa potencia como dinamizadora dos barrios. Mostrouse que a suma pode ser maior que as partes. Creo que agora é o momento de centrarse nas partes: as iniciativas máis pequenas.

Chegará o día no que o Festival Nun Local volva aparecer. Será baixo outro nome, pero coa mesma filosofía. Non xurdirá porque un guiri tolo se empeñe en realizar unha idea imposible, senón porque centos de iniciativas independentes se unan para crear unha oferta en conxunto. Mesmo en Vigo.

Edi Morgan
Director do Festival Nun Local

[Podes ler o artigo en papel na revista A movida de Novembro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]