VIALIA
bannerPicnicSesions

Cinco salas de concertos que xa non existen

Ata hai un ano, Vigo gozaba dunha vida nocturna envidiable. A oferta de locais era moi ampla, tanto en discotecas como en salas de música en directo. Durante a pandemia caeu El Contrabajo, e veremos nos próximos meses cantas conseguen refacerse deste duro golpe. Nestes momentos de vida diurna, sen concertos, bailes e festa, lembramos algunhas das salas máis célebres que tiñamos por estes lares.

A Sala Nova Olimpia, pechada en 2008 | Nova Olimpia

KREMLIN

Situada onde antes estaban os cines de Coruxo, foi a primeira sala grande de concertos da cidade. Foi aberta en 1981 polos donos do Satchmo (xunto con Bibiano Morón), un local de jazz no que Siniestro Total deu os seus primeiros concertos. Decorada ao estilo soviético, albergou importantes concertos de bandas nacionais (Radio Futura) e internacionais (The Meteors). Pechou as súas portas en 1986.

EL MANCO

Este local situado na Rúa Lepanto deu unha nova vida a unha zona bastante escura, sempre á sombra do Scalextric ata o seu derrubamento en 1986. Foron bastantes os grupos daquela incipiente Movida os que actuaron alí. O propietario Miguel Montenegro estivo aos mandos do local de 1982 ata 1992, ano no que se apartou deses labores. A sala aguantaría ata 1994, xa convertida en after. Por alí pasaron, xa sexa como músicos ou como clientes, Coque Malla, Bunbury, Miguel Bosé, Pablo Carbonell, Antonio Flores, Mariano Rajoy e o actual rei de España, Felipe de Borbón.

RURALEX

Posiblemente o único espazo que a día de hoxe (máis ben cando a situación o permita) mantén música en directo. Foi un dos lugares de culto nos anos oitenta, e xa neste século abriu de novo co nome de Vademecum. Este espazo, centrado na música electrónica e de vangarda, deu paso á Sala Playmóbil, que exercía como club de fumadores. Na actualidade atopamos a Radar Estudios, que funciona tanto como sala de concertos, discoteca e estudio de gravación.

NOVA OLIMPIA

REVISTA ABRIL

En 2008 botaba o peche esta mítica sala tras 34 anos de bailes, concertos e desfiles. Situada no centro de Vigo, tras baixar a persiana iniciáronse os labores de rehabilitación na fachada do edificio Fraga, coa idea de converterse no centro cultural de Caixa Galicia en Vigo. Ao final, nin unha cousa nin a outra. Por alí pasaron Tom Jones, Miguel Bosé, Georgie Dann, Cecilia, Massiel… e case Nino Bravo, que morreu nun accidente tres semanas antes da inauguración do local. Resulta triste ver un edificio con tanta historia no estado actual.

EL MALECÓN

El Malecón foi o primeiro local rexentado por Gonzalo Villar, coñecido axitador da escena cultural viguesa. Un espazo de aires latinos, convenientemente situado na rúa de Venezuela, que abriu en 1990 e pechou en 1997. Por alí pasaron artistas de salsa de primeiro nivel, como Chucho Valdés, Van Van ou Compay Segundo. Esta sorte de embaixada cubana deu paso a La Negra Tomasa, máis centrado no jazz. De esta paixón xorde dous anos despois El Manteca Jazz, que no seu punto máis alto, en 2008, tivo que pechar por mor dunha reforma no edificio. Finalmente Villar abriría o Xancarajazz, na rúa Isabel II, pechado en 2016 polas queixas da veciñanza.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.