REVISTA ABRIL

Moon Cresta despide ‘Moonary’ este sábado na Sala Masterclub

Este sábado 16 a banda viguesa Moon Cresta despide o seu último disco Moonary (2016) na Sala Masterclub co seu Moonary’s Final Show. Un lugar moi especial para eles, xa que alí foi o seu último concerto ata a data na nosa cidade (cun cheo absoluto) e alí gravaron tamén o simpático videoclip de Poisoned Whisper Blues coa participación de Tony Lomba, Fran Velo, Belem Trajes, Gonzalo Maceira e Billy the King. Falamos con David Vázquez (AKA Míster D), cantante, teclista e líder da agrupación desde a súa formación en 1999. Podes mercar as entradas de maneira anticipada por 10€ nesta ligazón.

Moon Cresta nunha Sala Master abarrotada en febreiro de 2018 | Moon Cresta

Fai case un ano do voso último concerto en Vigo, tamén na Master. Aquel día a sala estaba ata arriba e contáchedes con invitadas de luxo. Como tedes pensado mellorar aquela noite?

Quen acudira a aquel concerto pode pensar que o listón será difícil de superar. Aquel foi un bolo memorable, sen embargo estaremos á altura. Nesta ocasión imos presentar un novo membro da banda, Manu Ares á batería, que aínda que xa leva algúns concertos con nós, aínda non se estreou ante o público que mellor coñece Moon Cresta, o de Vigo. Queremos que se converta nun emotivo concerto fin de xira do noso terceiro disco Moonary, pero á vez imos botar a ollada máis atrás no tempo e rescatar algunhas cancións que levabamos uns 8 anos sen tocar. Por outra banda temos preparada tamén unha pequena aparición sorpresa.

Tamén fai dous anos e medio da saída do disco que despedides este sábado. Que balance facedes deste último traballo?

Foi un disco moi peculiar. Concebiuse coma unha recopilación de singles que viñamos lanzando dende un par de anos atrás en formato dixital e publicados como videoclips a través de internet. Cada unha desas cancións foi gravada nun estudio diferente de entre a ampla oferta que existe dentro de Galicia. Chegamos a traballar ate con nove produtores distintos. Convertiuse nun disco moi poliédrico, ecléctico, no que cada canción é unha peza distinta á outra, pero todas xuntas formaban un todo moi orgánico e identitario de como pode soar Moon Cresta.

En xaneiro puidemos ver algunhas fotos vosas gravando en Radar Estudios. Como está de avanzado a día de hoxe o voso próximo disco?

Pois está moi avanzado. Actualmente está na fase de mesturas, e está mal que nós mesmos o digamos pero ten boísima pinta. É o disco que maior proximidade no tempo garda co anterior dentro da nosa discografía, o cal implica que as cancións que inclúe soan directas, inmediatas, xa que xurdiron dun modo moi espontáneo. Cremos que se pode converter no disco de estudio (polo momento) que mellor reflicta o tipo de banda na que Moon Cresta se convirte cando toca en directo. No plano instrumental economizamos arranxos, e cargamos as tintas no guitarrístico. No aspecto literario optamos por posicionarnos en temas de distinta índole que actualmente nos preocupan, como son a política, sociedade, igualdade…

Ademais de tocar os temas de Moonary, tamén ides repasar outros dos discos anteriores. Poderemos escoitar algo do voso próximo traballo?

Nos discos anteriores sempre se deu a circunstancia de que anticipabamos e rodabamos as cancións en concerto antes de ser lanzadas en disco. Nesta ocasión lamentamos dicir que non vai ser así. Apetécenos darlle un tratamento especial a este fin de festa de Moonary, pensar incluso en que hai cancións que desaparecerán do noso repertorio e, por iso, ter como unha especie de deferencia cara a elas. Recoñezo que para min é un exercicio de contención pero cremos que a ocasión o merece e pode converterse incluso nun pretexto para facer máis desexable a chegada dentro de non moito tempo, do noso cuarto disco.

Que significa para ti a máxima de “Power & Funk”?

Nos nosos comezos discográficos, propuxémonos inventar unha etiqueta ou estilo que puidese converterse nun “pseudo-xénero” do que fósemos pioneiros. Foi coma un xogo, un reto, como os challenges que están agora de moda. Non nos constaba que existira ningún xénero ou estilo chamado dese xeito, e o divertido era ver se a prensa acabaría por recoñencelo como unha opción estilística máis ou se algunha banda se sumaría á estela dese “pseudo-estilo”.
De todos os xeitos, se quixeramos definilo sería un estilo que funde a enerxía dun rock contundente que bebe da inventiva dos 70’s e o son dos 90′ á vez que pretende cargar as tintas no compoñente máis bailable da música afromericana do funk.

Como dis, en Moonary podemos atopar desde rock ata funk pasando polo blues ou polo soul. Este eclecticismo vai seguir sendo a liña a seguir no futuro?

REVISTA ABRIL

Por riba de todo están as cancións. Debemos de crear temas que atrapen a quen escoita, máis alá de xéneros e etiquetas. O obxectivo debería ser que cando alguén se atope con algunha peza do teu repertorio diga: “soa a Moon Cresta”. Isto é algo que o noso público adoita dicir de nós, e en boa medida é o que nos tranquiliza á hora de optar polo eclecticismo xa que seguimos sendo recoñecibles a pesar de adoptar diferentes roupaxes. Non obstante, como xa dixen antes, as cancións máis recentes están moi enfocadas ao directo, ao ímpetu do escenario, a ser gozadas en vivo.

Que plans tedes para este 2019?

Pois temos previsto sacar o noso cuarto disco despois do verán de cara xa ao outono. Queremos preparar ben o seu lanzamento, ofrecer un novo repertorio, unha nova xira, pero sen necesidade de parar a nosa actividade de directo, xa que estamos pechando a nosa participación nalgúns festivais de verán. Digamos que dividiremos o ano nunha primeira metade de peche do Moonary e despois do verán arrancaremos coa presentación a medios e público do novo material. Augúrase polo tanto un ano denso e movido.

(GMT+01:00) Sala Master Club

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.