Churruca reinvéntase con sesión vermú os sábados
A zona de ocio nocturno máis concurrida da cidade sofre con forza os efectos da crise sanitaria, que desde o pasado 14 de agosto obriga a que as salas de concertos e discotecas permanezan pechadas. Coñecido pola súa frenética vida nocturna, o barrio de Churruca recíclase para ofrecer a partir deste sábado unha oferta de ocio tamén durante o día. De momento, seis locais están adheridos a esta iniciativa: La casa de arriba, Reserva Rock, The Monk Pub, Apiramoria, Tinta Negra, Cantina candela, Bizarre e o restaurante Garlic.
Marcos Costas, o xerente de La Casa de Arriba, explica que a idea vén de lonxe: “Hai xa tres anos algúns locais do barrio nos puxemos dacordo para abrir en horario vermú”. Fixérono sábados e domingos durante un tempo, pero compaxinalo co horario nocturno obrigaba ao persoal a exercer durante xornadas demasiado longas e con moi poucas de sono, polo que a iniciativa non perdurou. “Co novo horario, que nos obriga a pechar a 1 da mañá é moito máis doado”. E é que desde o 14 de agosto a Xunta obriga a todos os locais a pechar as súas portas a esa hora e non aceptar novos clientes a partir da media noite, unha medida que deixa con escasos ingresos ao gremio do ocio nocturno, con baixadas na facturación de ata un 80%.
“Renovarse ou…”, publicaba Carlos Baños, dono da Reserva Rock, nas súas redes sociais este martes, referíndose á fráxil situación na que se atopa todo un barrio. Carlos explica que o horario será de 12:30h a 1h da mañá de forma continuada e que os locais ofrecerán ademais pinchos coas consumicións a mediodía. No seu caso a oferta será lacón e tortilla de patacas. Todo caseiro, pois o hostaleiro ten fama de desenvolverse con soltura nos fogóns.
Outro dos locais da zona, o Tinta Negra vén aplicando esta lóxica desde hai xa algunhas semanas, cando adiantou o seu horario de apertura ás 18h e comezou a ofrecer sandwiches para que a xente parase na súa terraza da rúa Irmandiños ao saír da oficina ou voltar da praia. Detrás da barra está Marya Lago, a quen a hostelería lle vén de familia e quen tamén rexenta o Papaxoubas, no casco vello. Será a súa cociña a que elabore o menú para este sábado. “Intento explotar o local o máximo posible para poder mantelo aberto”. Marya e Vicent, dono do Bizarre, xa experimentaron co horario vermú o sábado pasado con bos resultados.”Temos un barrio que é unha chulada e ten moitas posibilidades de ser desfrutado tamén durante o día”, explica Marya, que participou en todas as edicións de Bazares nos Bares, unha das poucas actividades que tiñan lugar en horario diurno na zona de Churruca.
Os hostaleiros confían en que a aposta polo horario diurno dea un pulo aos seus negocios e axude a revitalizar un barrio que, ata o de agora, espertaba polas noites.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024