REVISTA ABRIL

Vincios Verde ofrece actividades culturais gratuítas todos os sábados de agosto

Contacontos, concertos, cine mudo musicado en directo e charlas de corte medioambiental son as actividades que propón Vincios Verde Cultural a partir deste sábado 30 de xullo na Casa Reitoral ubicada nesta parroquia de Gondomar.

Despois dos incendios forestais de 2017 a Comunidade de Montes de Vincios decidiu dar un xiro a súa xestión e crear o proxecto Vincios Verde. Nesta iniciativa englóbanse accións culturais, educativas, deportivas, turísticas, económicas e produtivas. Este sábado, 30 de xullo, arranca Vincios Verde Cultural; unha serie de actividades culturais que terán lugar os sábados na Casa Reitoral e que serán totalmente gratuítas.

REVISTA ABRIL

As xornadas deste ciclo, que se prolongarán durante todo o mes de agosto, arrancan cun contacontos para os miúdos da casa, continúan cunha charla de corte medioambiental e finalizan con cine ou música en directo. Trátase de, a través de actividades lúdicas, concienciar sobre a necesidade de coidar do medioabiente.

O espectáculo musical ‘A música das árbores’ de Servando Barreiro inaugurará a primeira sesión do ciclo o sábado a partir das 17:15h. A continuación, arredor das 18:30h, Xosé Lois Vilar falaranos da arte ruprestre no Galiñeiro e para finalizar a xornada Caspervek musicalizará en directo o filme mudo ‘Nanuk o esquimó’ a partir das 21:00h.

A Casa Reitoral, adquirida no 2014 pola Comunidade de Montes de Vincios, acaba de ser rehabilitada para o uso da veciñanza; está ubicada moi perto da igrexa de Santa Mariña de Vincios (ubicación) e estas actividades servirán para dala a coñecer entre os veciños.

Casa Reitoral de Vincios.